Rebelión de togas

Delgado e Iglesias axitan a alta xudicatura española

As primeiras decisións do Executivo español non pasaron desapercibidas. A proposta de Pedro Sánchez de nomear Dolores Delgado como fiscala xeral e as palabras de Pablo Iglesias coas que lamentou que os tribunais europeos deixaron en mal lugar a xustiza española desataron un forte aluvión de críticas. Finalmente a proposta de Delgado resultou aprobada con 12 votos a favor e 7 en contra no Consello Xeral do Poder Xudicial. 
As críticas ao nomeamento de Dolores Delgado veñen tamén polo seu papel activo na campaña (Imaxe: Europa Press)
photo_camera As críticas ao nomeamento de Dolores Delgado veñen tamén polo seu papel activo na campaña (Imaxe: Europa Press)

Primeiro foi o presidente do Estado, Pedro Sánchez, quen comezou a semana afrontando duras críticas de asociacións conservadoras de xuristas e de partidos da oposición denunciando inxerencias do Executivo no poder xudicial, debido á súa decisión de propor a ex ministra de Xustiza Dolores Delgado como fiscala xeral do Estado. Alén do controvertido da proposta, a decisión chegou após unha campaña electoral onde Sánchez se viu na obriga de rectificar as súas palabras pronunciadas con insistencia nun dos debates televisados, en que asegurou que a Fiscalía depende do Goberno.

Onte pronunciouse o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) sobre a proposta do Consello de Ministras de elixir Delgado. Este órgano só é consultivo e non decisorio, polo que o seu encargo foi analizar que a candidata reunía as condicións formais para a súa elección.

Porén, a proposta de informe apresentada ao CXPX polo seu presidente, Carlos Lemes, limitouse a certificar que a ex ministra cumpría os requisitos e omitiu pronunciarse sobre a súa idoneidade. A proposta de Delgado resultou aprobada con 12 votos a favor e 7 en contra. Os votos negativos viñeron das vogalías do CXPX elixidas a proposta do PP. 

O segundo en provocar as críticas da alta xudicatura española foi o vicepresidente Pablo Iglesias, quen xerou unha cadea de protestas no sector por afirmar esta semana que decisións dos tribunais europeos que se produciron nos últimos tempos deixaron "en mal lugar" a xustiza española, o que supón unha "humillación para o Estado".

As palabras de Iglesias non sentaron ben no poder xudicial, que vén de afrontar ademais a sentenza do Tribunal de Xustiza da UE, onde se asevera que o Tribunal Supremo español non respectou a inmunidade do líder de ERC, Oriol Junqueras.

De feito, o CXPX emitiu unha declaración para pedir "prudencia e mesura" a Iglesias, instándoo a absterse de facer unha "utilización política da Xustiza".

Comentarios