[VÍDEO] O Exército destitúe o alto mando militar que organizou as "beizóns" no Val dos Caídos

"Que o señor bendiga igual que sempre a quen serve á patria baixo este estandarte", dixo o cura que oficiou o acto.
Fragmento do vídeo coas "beixóns" aos militares españois. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Fragmento do vídeo coas "beixóns" aos militares españois. (Foto: Nós Diario)

O Exército de Terra cesou na tarde desta cuarta feira o capitán xefe da unidade que participou nun acto relixioso no Val dos Caídos e abriulle un expediente que se resolverá en 48 horas, após iniciar unha investigación co obxectivo de depurar responsabilidades e esclarecer os feitos, segundo informaron a Europa Press fontes oficiais das Forzas Armadas.

Trátase dunha unidade militar do Batallón Lixeiro Protexido 'Uad-Ras II', membros do Rexemento de Infantaría 'Asturias 31', unha unidade encadrada na Brigada de Infantaría 'Guadarrama XII', situados na base militar de 'El Goloso', en Colmenar Viejo (Madrid).

Nun vídeo, pódese ver membros da unidade bendicindo o estandarte da compañía. Fontes do Exército de Terra explicaron que se trata dunha actividade "non autorizada" que foi realizada durante unha marcha programada, polo que se procedeu a abrir unha investigación para esclarecer os acontecementos e depurar responsabilidades.

Neste contexto, formacións como Esquerra Republicana e Más País presentaron senllas iniciativas no Congreso pedindo explicacións ao Ministerio de Defensa, que dirixe Margarita Robles, por estes feitos.

"Beizóns" a España

Nas imaxes escoitase ao cura dicir o seguinte: "Que o señor bendiga igual que sempre a quen serve á patria baixo este estandarte. Que o señor coide coa súa providencia aos membros desta unidade e a todos os compoñentes do batallón Uad-Ras e das nosas Forzas Armadas".

"Que o señor mire benignamente o Estado español e lle conceda a paz con todos os pobos do mundo", conclúe o discurso do sacerdote.

Comentarios