Defensa leva á Fiscalía o chat no que militares retirados falaban de fusilamentos

"Non queda máis remedio que empezar a fusilar 26 millóns de fillos de puta", manifestábase. 
ministerio de defensa

O Ministerio de Defensa puxo en mans da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid o chat de ex militares que envían cartas a Filipe VI. Así o avanzou a Cadea SER. Entre as cousas que din os  ex militares neste grupo de  WhatsApp, hai defensas de golpes militares e chamamentos a fusilar "a 26 millóns de fillos de puta”.

Así, o Ministerio de Defensa enviou á Fiscalía a información publicada por  Infolibre por se os feitos fosen constitutivos de delito cometido "por persoas que ademais puidesen atribuírse a condición de militares en activo, sen selo”.

Desde o departamento de Margarita Robles sosteñen que "corresponde ao Ministerio Fiscal investigar a súa eventual relevancia penal" e tamén "para salvagardar a honorabilidade das Forzas Armadas".

"A súa conduta exemplar non ten nada que ver con manifestacións que repugnan respecto debido a unha sociedade democrática,  pluralista e baseada na liberdade política e ideolóxica", aseguran desde o Ministerio.

Desde o departamento de Robles sinalan que vixían os movementos destes  ex militares pola súa misiva a Felipe VI, a quen queren facer cómplice das súas posicións.

Con todo, subliñan que están retirados e que non existe, por tanto, unha posibilidade de ‘contaxio’ na actual composición das Forzas Armadas españolas.

Comentarios