Defensa envía dous comboios militares a Catalunya

Nun momento especialmente delicado e practicamente en paralelo ao agresivo discurso de El-Rei, o Ministerio de Defensa ordenou o envío de dous comboios militares a Catalunya. A versión oficial é que os destacamentos van en misión de apoio loxístico á Garda Civil e á Policía Nacional. 

23498750578_b65ddd7122_z
photo_camera A ministra de Defensa nunhas manobras militares

O relato oficial desde o goberno do Estado é que Policía Nacional e Garda Civil están a ser obxecto de hostigamento por parte do bloco social independentista, como mostrarían os escraches dos que pretensamente terían sido obxecto. Isto xusticaría a necesidade de mobilizar unidades militares para lles daren apoio loxístico, noticia avanzada por ElConfidencial.

Os comboios, que partiron da súa base zaragozana, mobilizan por volta de 20 camións e terían como obxectivo servir de soporte loxístico para os efectivos da Garda Civil e da Policía Nacional que nos últimos días acharon problemas para se aloxaren en estabelecimentos hoteleiros. 

Sempre segundo a versión de Defensa, os camións transportan liteiras, duchas, cociñas, que se instalarán no acuartelamento de Santa Eulália de Sant Boi de Llobregat, e que poderían eventualmente ser utilizados por policías e gardas civís.

Interior xa anunciou esta pasada terza feira que renovaría por unha semana o aluguer dos tres cruceiros en que, no porto de Barcelona, se aloxan miles de efectivos dos corpos e forzas de seguranza do Estado.

Carles Puigdemont pediu esta terza feira a saída de Catalunya das forzas policiais enviadas para se despregaren no país xa nas vésperas do 1-O. Interior non só as mantén, senón que recebe agora reforzos do Ministerio de Defensa.

O envío destes comboios -xusto no mesmo día do discurso de Felipe VI, un auténtico aval ás políticas represivas da Moncloa- prodúcese, en calquera caso, nun momento de extrema tensión en que non se pode desbotar nengunha hipótese, mesmo a da intervención do Exército en aplicación do artigo da Constitución española que lle outorga o papel de garante da integridade territorial.

Comentarios