Declaran “superado” o conflito de poderes en Venezuela

[ACTUALIZADA ÁS 16.50] O Consello de Defensa de Venezuela vén de declarar “superado” o conflito entre os poderes públicos e insiste no diálogo para resolver a conxuntura política do país.

C8Tu0lvXoAItBsI
photo_camera [Imaxe: Twitter] Reunión do Consello de Seguridade

“Queda superada esta controversia, demostrando as capacidades de diálogo”, afirmou na madrugada do sábado o presidente venezuelano Nicolás Maduro, quen informou das conclusións do Consello de Defensa após a súa reunión.

O presidente de Venezuela insistiu en “repudiar calquera intervención que atente contra a independencia, soberanía, integridade territorial e autodeterminación” do país e lanzoulles unha mensaxe aos gobernos que “pretenden ditar pautas cando os seus países están en chamas”.

A través dun comunicado, o Consello cominou o Tribunal Supremo de Xustiza a revisar as decisións 155 e 156 para manter a estabilidade institucional e ratificou o TSX como “a instancia competente para o control da constitucionalidade dos actos emanados de calquera órgano do poder público nacional”, así como “a resolución dos conflitos entre poderes”.

Tamén insistiu na necesidade de desenvolver “un diálogo fecundo” coa oposición, á que urxiu a se sumar “sen demora” ás conversas apoiadas pola Unasur.

Segundo a Constitución venezuelana, o Consello de Defensa “é o máximo órgano de consulta para a planificación e asesoramento do poder público nos asuntos relacionados coa defensa integral da nación, a súa soberanía e a integridade do seu espazo xeográfico”.

Horas após do Consello de Defensa, o Tribunal Supremo corrixiu as senetenzas 155 e 156 sobre as competencias da Asemblea Nacional, de maioría opositora e en condición de desacato, e a inmunidade parlamentar. "A Sala Constitucional garantirá que as competencias parlamentares sexan exercidas directamente por esta ou polo órgano que ela dispoña para velar polo estado de dereito".

A decisión do TSX venezuelano, en consonancia coa Constitución, ten lugar para facerlle fronte ao desacato que se mantén desde o 5 de xaneiro de 26 pola AN, ao xurar o cargo tres deputados da autodenominada Mesa da Unidade, eleitos en decembro após seren suspendidos provisionalmente por irregularidades de votos no estado Amazonas. 

Comentarios