As decisións da UE non frean as persoas refuxiadas

A rota do Canal de Sicilia volve a activarse e o campo de detención de Moria (Lesbos) xa está cheo. 

Proactiva Open Arms
photo_camera [Imaxe Proactiva Open Arms]

Nos últimos días a chegada de persoas refuxiadas a territorio europeo volveu aumentar. O bon tempo no Exeo e no Mediterráneo reactivou as rotas marítimas que, no entanto, nunca deixaron de ser transitadas ao cento por cento. Aliás, desde o domingo (27 de marzo) arrivaron a Italia 3.051 persoas que atravesaron desde a costa de Libia o Canal de Sicilia, segundo os dados fornecidos pola Garda Costeira italiana. 

Através do Canal de Sicilia chegaron a Italia 3.051 persoas desde o 27 de marzo

Entretanto, no traxecto que separa por mar Turquía e as illas gregas chegaron 1.190 persoas desde o domingo (27 de marzo) que serán trasladadas polas autoridades gregas ao campo de detención de Moria (Lesbos) no que xa se atopan encarceradas 1.350 desde o 20 de marzo --data de entrada en vigor do acordo asinado entre a UE e Turquía. De entre elas, por volta de 150 son menores sen acompañamento. 

A mellora nas condicións climáticas mais tamén o fechamento da rota dos Balcáns empurra as persoas refuxiadas a transitar por mar o treito que separa Libia e Turquía --principais puntos de saída-- até territorio comunitario. 

Proactiva Open Arms: "Se pensaban que erguer prisións ás portas de Europa os ía deter, están moi trabucados"

"Se pensaban que erguer prisións ás portas de Europa os ía deter, están moi trabucados", sinalan desde a ONG de Badalona, Proactiva Open Arms, dedicada ao resgate marítimo de persoas refuxiadas através da súa conta oficial na rede social Facebook. "Malia os maos agoiros, as medidas disuasorias e a deshumanización coa que os tratamos", sinala en referencia ás autoridades europeas, "non deixan de fuxir de países azoutados por unha violencia que non podemos imaxinar". 

A prisión de Moria

"Non podes saír fóra. Nor por cigarros, non por bocatas e non por unha tarxeta SIM. Porfavor, volve". Eis o cartaz que preside o campo de detención de Moria e ao que son trasladadas as persoas refuxiadas e migrantes que chegan ás illas gregas desde o 20 de marzo e que, após o acordo asinado entre a UE e Turquía son considerados polas autoridades gregas como 'migrantes irregulares', de facto. 

En Moria atópanse detidas 1.350 persoas das que por volta de 150 son menores sen acompañamento

O espazo atópase cheo, segundo apunta o responsábel policial do mesmo, Dimitris Amoutzias, nunha reportaxe publicada no xornal alemán Bild. "É máis do que podemos abranguer", di, "nós xa estamos sobrecargados, e así que amaine o vento o fluxo de refuxiados comezará novamente", acrecenta. Aliás, após a saída de Médicos Sen Fronteiras e ACNUR, que deixaron de ofrecer a súa axuda en rexeitamento pola política adoptada coa sinatura do acordo, a comida non chega e nalgúns campos gregos foi denunciada a arbitrariedade e condicións en que se distribúe, coma se se tratase de animais. 

Comentarios