A debate a loita contra o terrorismo da extrema dereita

ERC leva á comisión de mixta de seguridade unha proposta co fin de que se recoñeza a problemática do terrorismo de extrema dereita e se destinen fondos para o combater. A Europol informa de até seis atentados cometidos ou en grao de tentativa na UE en 2019 e de ataques contra poboación inmigrante.
Manifestación da extrema dereita en Madrid o pasado mes de febreiro. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera Manifestación da extrema dereita en Madrid o pasado mes de febreiro. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

A Comisión Mixta de Seguridade, composta por membros do Congreso e do Senado, debaterá mañá unha proposición non de lei de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) para que a persecución da violencia da extrema dereita se integre na estratexia de seguridade do Estado.

A proposición defendida polo grupo republicano propón que a “ameaza de proliferación da ideoloxía do odio e a súa organización en grupos, partidos e ONG, proferida por grupos de extrema dereita, racistas, neofascistas, neonazis e supremacistas brancos” se integre dentro do eido da loita antiterrorista.

O 6 de outubro o Consello de Seguridade aprobou un acordo para desenvolver a Estratexia de Seguridade 2021, na que se inclúe esta proposta.

Outra das accións que integra esta proposición non de lei é instar os organismos e institucións internacionais a declarar a ameaza vencellada á extrema dereita e ás organizacións que a sosteñen como “moi alarmante”, polo que solicitan que se destinen recursos dabondo para a súa persecución e condena.

O partido catalán apunta que a expansión da violencia da extrema dereita en Europa chegou de maneira clara ao Estado e pon como exemplo as detencións recentes en Pobla de Cérvoles (Catalunya), Iruña (Nafarroa) e Ronda (Málaga) de varias persoas acusadas de difundir ideas racistas e de supremacía branca polas redes sociais, con contidos da Feuerkrieg División, un grupo que cometeu un atentado en Lituania en 2019.

Na proposta detállase o impacto do terrorismo na UE provocado pola extrema dereita coa documentación do informe de Europol, orientado a analizar as tendencias na loita contra o terrorismo internacional.

Só en 2019, último ano do que se teñen datos, a Europol contabilizou até seis atentados cometidos ou en grao de tentativa na UE, catro en Gran Bretaña, un en Lituania e outro en Polonia. A estes datos súmanse accións que a policía non considera terrorismo, como varios ataques a oratorios musulmáns en Francia.

Comentarios