sábado 15/08/20

O debate independentista chega por primeira vez ao Parlamento de Gales

Rhun ap Iorwerth, portavoz do Plaid Cymru ─terceira forza─ defendeu que como Estado independente a loita contra a pandemia sería máis efectiva.
O portavoz parlamentario do Plaid Cymru, Rhun ap Iorwerth (plaid.cymru)
O portavoz parlamentario do Plaid Cymru, Rhun ap Iorwerth (plaid.cymru)

Por primeira vez na historia, o Parlamento de Gales, o Senedd, debateu unha moción sobre a independencia. Fíxoo a proposta do partido nacionalista Plaid Cymru despois dos resultados das últimas enquisas, que situaban o apoio á secesión en 25%, catro puntos máis que en xaneiro.

O Brexit, a saída do Reino Unido da UE ─ao igual que acontece en Escocia─ fixo medrar o sentimento independentista en ambas as dúas nacións, así como a vontade en Irlanda do Norte da reunificación da illa. Tamén, no caso galés, a xestión da pandemia está detrás deste pulo.

A moción, debatida na cuarta feira, solicitaba ao Senedd que lexislase para poder convocar un referendo. Tal e como se esperaba conforme a composición actual da Cámara, non saíu adiante, con 43 votos en contra, nove a favor e unha abstención.

Rhun ap Iorwerth, portavoz do Plaid Cymru ─terceira forza─ defendeu que como Estado a loita contra a pandemia sería máis efectiva. "Non estamos a pedir ao Senedd apoio á independencia, mais ao principio de que o pobo de Gales debería decidir", dixo. 

Os Conservadores ─segunda forza─ afirmaron, pola contra, que Gales sería "menos resiliente aos eventos globais". Desde a bancada Laborista ─forza de Goberno─ defendeuse contar con maiores competencias "dentro dun Reino Unido forte". 

comentarios