O debate sobre as eleccións cataláns, con presenza do catalán a pesar de TVE

Boa parte dos candidatos interviron na lingua propia de Catalunya embora a recomendación de facelo en castelá. para que se lles "entendese en toda España". 

cebate catalunya

O debate de candidatos ás eleccións á Generalitat do 14 de febreiro que decorreu este domingo en ‘prime time’ na canle 24 horas de RTVE e na desconexión de ‘La 1’ para Catalunya chegaba xa cun malestar de fondo: o reflectido polos propios traballadores e traballadoras de Televisión Española (TVE) en Catalunya.

Un malestar, como expresaron nun comunicado, que atinxía diversas cuestións. Por exemplo, a lingua: “É a primeira vez que un debate de candidatos organizado por TVE nunhas eleccións catalás emítese nada máis que en castelán pola TVE”.

A isto engadían o seu desacordo polo feito de que “o presentador escollido [para moderar o debate] non sexa un profesional de RTVE-Catalunya. Aquí hai profesionais sobradamente capacitados para exercer de moderador e que, ademais, están en contacto diario coa realidade social e política catalá (...) e con experiencia en programas dese formato a nivel catalán e estatal”.

Así pois, ao debate electoral chegábase con debate dentro do medio público español e tamén, como xa é norma para ben e para mal, nas redes sociais.

O xornalista moderador do debate de TVE entre os candidatos nas eleccións catalás era o galego Xabier Fortes. Despois de formular unha pregunta sobre o impacto da pandemia na política, a economía e as relacións sociais, deu a palabra ao candidato de ERC,  Pere  Aragonès, que respondeu en catalán.

Fortes tomou entón a palabra e pediu que os  candidatos utilizasen o castelán neste debate co argumento de que "xa se celebrarán dous debates en catalán". Ademais, engadiu que desta maneira "poderase entender o debate fóra de Catalunya”. Lembrando que "case todos vós, dicides que ás veces se vos entende pouco fóra de Catalunya."

"Imaxinade nove tradutores para nove intervencións, o cruzamento das intervencións sería demasiado complicado", engadiu o moredador, e asegurou que "noutros territorios con lingua propia como Galiza estarían encantados de ter dous debates en galego e un en castelán". En calquera caso, aclarou, dirixíndose aos candidatos, "a decisión é súa”.

E a decisión de boa parte deles (ERC, Junts, CUP, PDeCat e Comúns -se ben a súa candata tamén empregou o castelán-) foi a de facelo en catalán.

Comentarios