Daunte Wright, falecido pola "confusión" entre arma e táser

Novo mozo negro abatido pola Policía en EUA.
EuropaPress_3640525_11_april_2021_us_brooklyn_center_protester_sits_on_the_ground_in_front_of
photo_camera Manifestante en Minneapolis, con axentes antidisturbios detrás (ImageSPACE / Zuma / dpa)

O axente da Policía que matou o pasado domingo na cidade estadounidense de Minneapolis, en Minnesota, a un mozo negro tería confundido a súa pistola co táser. A Policía do distrito de Brooklyn Center publicou onte as imaxes, onde se ve o axente aproximándose ao vehículo de Daunte Wright, de 20 anos, e pedíndolle saír do coche. Os axentes tentan esposar a Wright, mais este záfase e volve ao vehículo.

Entón o axente saca un arma e berra "Táser!" e despois de disparar laméntase de inmediato "Merda! Dispareille", afirma, segundo o audio da gravación.

"Cando vin o vídeo e escoitei as ordes do axente, deducín que tiña intención de sacar o táser, mais disparou ao señor Wright cunha soa bala", apuntou o xefe da Policía de Brooklyn Center, Tim Gannon. O axente foi dado de baixa provisionalmente e abriuse unha investigación. 

A morte de Wright, a escasos 16 km do lugar onde George Floyd foi asfixiado até morrer hai menos dun ano, fixo regresar as protestas a Minneapolis. Axentes antidisturbios dispersaron a multitude tras choques cos manifestantes, impúxose o toque de recoller e os colexios fecharon onte. O gobernador de Minnesota, Tim Walz, sinalou en Twitter que "o noso Estado chora outra vida dun home negro arrebatada polas forzas da orde".

Accidente de tráfico

Wright, segundo a Policía, foi parado tras un accidente de tráfico. Os axentes, así comprobaron que tiña unha orde de arresto pendente, quixérono deter, mais o rapaz regresou ao vehículo e iniciou a marcha, momento en que foi tiroteado. Wright ía acompañado pola súa parella, que non sufriu feridas de gravidade durante o suceso. 

"Díxenlle que cando o policía regresase lle pasase o teléfono e que lle daría a información do seguro". Entón escoitou que un axente dicía: "Colgue o teléfono e saia do coche", ao que  Wright preguntou o motivo, e este díxolle: "Explicarémoscho cando saias do coche".

Katie Wright, a nai do rapaz, dixo que a chamara por teléfono cando estaba retido para preguntarlle información sobre o seguro do vehículo, xa que llo regalara había pouco. Segundo a muller, o Daunte confesoulle que fora detido "por ter ambientadores colgando do seu espello retrovisor".

"Un minuto despois, chamei e respondeu a súa moza, que era a copiloto no vehículo, e díxome que lle dispararan. Enfocou a videochamada e estaba alí tirado sen vida", dixo Katie aos medios.

Comentarios