O Daily Mail publicou que os EUA respaldaron un plan para culpar falsamente a Siria do uso de armas químicas

O uso de armas químicas por parte de Siria é a "liña vermella" marcada por Washington para xustificar unha eventual intervención imperial.

Daily Mail
photo_camera Daily Mail

Damasco nega que teña usado armas químicas na guerra que libra contra as forzas opositoras. O Goberno de Assad mesmo reclamou a presenza no país dunha comisión de expertos da ONU na materia, para demostrar que nen ten esas armas nen as pensa ter. Nese contexto aparece unha información no Daily Mail: os EUA terían dado o seu apoio a un plan para acusar falsamente a Assad do uso desas armas.

O dixital Mundiario.Com publicou esta quinta feira unha información baixo o título "O Daily Mail denunciou un plano para culpar o goberno sirio de usar armas químicas", asinada polo seu colaborador, Gabriel Martín.

A información do Daily Mail apareceu o 29 de Xaneiro de 2013. Posteriormente, foi eliminada do arquivo dixital do diario.

O titular do Daily Mail non deixa lugar a dúbidas: os Estados Unidos respaldan o lanzamento dun ataque en Siria con armas químicas para culpar del ao réxime de Assad. A escusa perfeita para unha eventual intervención militar.

Unha operación falsa bandeira é unha acción que se realiza por parte dun axente para incriminar a unha outra entidade, neste caso o goberno de Siria

A base da información constitúena uns correos electrónicos dun contratista británico en que se fala da hipótese da realización dunha operación de "falsa bandeira" para incriminar Damasco. "Falsa bandeira" é unha expresión militar que se refere a aquelas accións, usualmente atentados terroristas, que se executan para atribuír a súa responsabilidade a outras entidades, neste caso ao Goberno de Assad.

Os correos electrónicos son de David Goulding, director da empresa Britam Defense Ltd, e están dirixidos a Phil Dougthy, executivo de operacións nos Emiratos Árabes Unidos. Neles faise referencia a unha proposta vinda do Qatar e que tería o apoio de Washington.

Os correos foron divulgados por un hacker alemán, que os apañou dun servidor malaio.

"Debemos levar as armas químicas a Homs, de orixe soviética, tomadas en Libia, que deben ser similares ás que debe ter Assad", escrebe Goulding a Dougthy. "Eles (os qataríes) queren que despreguemos o noso persoal ucraniano, que fale ruso, e facer un vídeo".

Goulding di que o asunto no seu conxunto non lle parece unha "boa ideia", mas declara a súa admiración porque "o monto proposto é enorme".

O Daily Mail quixo recabar a versión da empresa Britam Defense Ltd sobre estes factos, mas a compañía rexeitou dar calquer tipo de explicación.

Escrebe Gabriel Martín en Mundiario.Com que Britam, co seu cuartel xeneral en Londres, é "unha compañía do sector militar privatizado, que desde a era Bush tivo o seu auxe e cuxo exemplo máis coñecido foi Blackwater, agora renomeada Xe. Entre outras habilidades, Britam promociónase como unha empresa especializada nos sectores do gas e o petróleo".

Este 21 de Agosto, as forzas opositoras sirias -armadas por Washington e alentadas por Al Qaeda- denunciaron ter sido vítimas dun ataque con armas químicas.

O Goberno sirio afirma que en ningún momento ten utilizado armamento prohibido contra o que cualifica de grupos terroristas

Esa mesma cuarta feira, reuniuse de urxencia o Consello de Seguranza de Nacións Unidas.
Non é a primeira vez que se acusa a Damasco do uso de armas químicas. Xa aconteceu en Maio de 2012. Unha comisión de inspectores de Nacións Unidas, dirixidas por un xeneral noruegués, foron en misión oficial ao país para investigar as alegacións das forzas opositores. Non acharon probas  contra o Goberno Assad.

Importa sinalar que a acción do 21 de Agosto -que produciu centos de vítimas mortais- se produciu a apenas 10 quilómetros do hotel en que se acha aloxada outra equipa de inspectores de Nacións Unidas que están no país, coa autorización de Damasco, para continuar a investigar sobre o terreno.

O Goberno Assad afirma que en ningún momento ten utilizado armamento prohibido contra o que cualifica de grupos terroristas.

Comentarios