O Daesh reivindica o atentado de Niza

Polo de agora ningún grupo terrorista reivindicara o masacre da pasada quinta feira en Niza no que morreron 84 persoas e que deixou perto de 200 persoas feridas. Porén, a axencia Amaq informou na mañá do sábado que o atentado foi cometido por un “soldado” do Daesh.

niza atentado

A axencia Amaq, que cita unha fonte de seguridade, sinala que o atentado da noite da quinta feira en Niza foi cometido por un “soldado” do Daesh. Así o advirte o portal de seguimento de información yihadista SITE.

O masacre tivo lugar arredor das 23.20h desta quinta feira no Paseo dos Ingleses, onde centos de persoas se congregaran para ver os foguetes que fecharían a conmemoración do 14 de xullo, día en que se celebra o inicio da Revolución Francesa e a toma da Bastilla de 1789. Un camión, conducido por unha soa persoa, atropelou centos de persoas durante 2 km. O condutor, Mohamed Lahouaiej Bouhlel, morreu abatido a tiros pola policía.

O ataque, segundo Amaq, sería unha resposta aos chamados da organización terrorista para atentar contra a cidadanía dos países involucrados na coligazón liderada polos EUA. Porén, o anuncio da reivindicación deste atentado polo Daesh é acollido con prudencia e desconfianza nas redes sociais. “O Daesh atribuirase a morte de Bambi con tal de ter publicidade” ou “O Daesh e a súa máquina de propaganda: aproveitar todas as anomalías para lles atribuír paternidade. Canto do cisne?”.

A última hora deste atentado tamén recolle a detención de tres persoas no marco da investigación aberta a raíz do masacre, aínda que se descoñece a súa identidade.

Comentarios