Cymru (Gales) decidirá en referendo se quer asumir máis competencias fiscais

O primeiro ministro británico, David Cameron, anunciou unha lei para permitir que @s gales@s poidan decidir se queren xestionar parte dos impostos e afirmou: "Durante demasiado tempo as decisións sobre o futuro de Gales tomáronas burócratas a centos de millas de distancia, en Westminster (parlamento británico)”.


 

gales

Co independentismo escocés a puxar forte na fronte do norte (e cun referendo de autodeterminación a celebrar en 2014), semella que Londres non quer problemas no flanco oeste. Cymru (Gales), é unha das nacións que integran Gran Bretaña. Poderá votar en referendo antes de 2020 se quer aumentar as súas competencias en materia fiscal, recadando e xestionando parte do imposto sobre a renda, así como o poder de decisión do goberno galés sobre se baixar ou subir impostos e como e a onde destinalos. Un novo pacto fiscal, poderíase dicir.

O anuncio foi feito polo primeiro ministro británico, David Cameron, que mesmo afirmou que “durante demasiado tempo as decisións sobre o futuro de Gales tomáronas burócratas a centos de millas de distancia, en Westminster (parlamento británico)”. O lider británico conservador quer con esta xogada, para algúns analistas, reforzar e ampliar a autonomía galesa (Gales goza de goberno e asemblea propios desde 1999) como parapeto que escorrente o apoio a opcións independentistas.

Cymru 

A Asemblea Nacional de Gales (Cynulliad Cenedlaethol Cymru) é o Parlamento desta nación histórica, un órgano composto por 60 deputad@s. Deses 60 escanos, 11 son de Plaid Cymru (Partido de Gales), a principal organización política nacionalista, que obtivo o 11,3% dos votos nas eleccións de 2011 á asemblea. Ten, tamén, 3 deputad@s no Parlamento de Westinster e unha eurodeputada en Bruxelas, onde o Plaid Cymru está integrado na Alianza Libre Europea.

Das nacións sob soberanía británica Cymru é na que o idioma propio é máis falado. Desdee logo, moito máis que o gaélico-irlandés en Irlanda do Norte e o gaélico.escocés en Escocia. O estudo de uso da lingua galesa (Cymraeg) de 2004 indica que o 21.7% da poboación de Cymru é falante de galés. O censo de 2001 tamén mostra que sobre o 25% dos residentes en Cymru naceran fóra deste país.

Comentarios