CUP pide a Puigdemont que esta segunda feira proclame de vez a República catalá

Unha corrente do Partit Demòcrata Europeu Català fai o propio. Oriol Junqueras afirma que o seu compromiso co mandato do 1-O é "inequívoco e absoluto". Segunda feira conclúe o ultimato dado por Rajoy, ao activar o mecanismo previsto no artigo 155, para Puigdemont responder se ten declarado ou non a independencia.

CUP
photo_camera Núria Gibert

Novo movimento de presión da CUP -desta volta do seu Secretariat Nacional- a Carles Puigdemont en horas que, mais unha vez, adquiren carácter de decisivas nun tramo do procés marcado pola suspensión da declaración de independencia -comparecencia do president no Parlament o pasado 10-O- e polo amago de activación do artigo 155 -anuncio realizado por Rajoy o 11-O.

Este sábado a portavoz do Secretariat Nacional da CUP, Núria Gibert, emprazou diretamente Puigdemont a responder o requerimento de Rajoy dun xeito "nidiamente afirmativo", de modo a se proclamar a República catalá. Gibert voltou a trasladar aos meios as críticas da formación anticapitalista á comparecencia de Puigdemont do pasado 10-O por ter xerado "confusión" e por non ter estado "á altura que o momento requería".

A respeito da hipótese de a CUP abandonar o Parlament nos próximos días -facto que deixaría o soberanismo en minoría-, Gibert condicionouna á resposta que dea Puigdemont ao requerimento do Estado. Isto é, as parlamentares anticapitalistas deixarían de participar na cámara catalá se o Govern non dar satisfacción ás súas demandas. "Non avalaremos a confusión e o desconcerto. Tense de resolver imediatamente e ha de ser coa proclamación de facto da República", dixo Gibert.

Non é a única presión vinda do soberanismo que recebe nas últimas horas Puigdemont para erguer a suspensión que decretou a terza feira sobre a declaración de independencia. Con efeito, unha corrente interna do Partit Demòcrata Europeu Català -con dirixentes como o ex presidente de ERC Ángel Colom. ergueu este sábado a voz para reclamar ao president que poña fin á conxelación da independencia e proclame abertamente o nacimento da República catalá.

Comentarios