A CUP muda de posición e contempla agora investir alguén que non sexa Puigdemont

Múltiples movimentos no taboleiro. Acordos e trasacordos. Presidencias simbólicas, lexítimas, executivas. O rodopío non para. A última novidade sustantiva: a anticapitalista CUP ábrese agora á hipótese de investir alguén distinto a Puigdemont. "Isto non vai de persoas", afirma.

CUP
photo_camera Núria Gibert

O día en que Roger Torrent resolveu adiar o pleno de investidura do Parlament inicialmente previsto para investir o político de Girona, o taboleiro oferecía unha alianza impensábel meses atrás: a de JxCat e a CUP, unidos na defensa da lexitimidade do ex presidente como único candidato posíbel. ERC ficaba á marxe, entalada entre o centro-direita do PDeCAT e o anticapitalismo das e dos cupaires.

Mais o factor tempo -e a realpolitik, coa ameaza do PP de prorrogar o 155 de a maioría independentista aprobar unha reforma regularmentar que permitise unha investidura telemática- corre en contra dos intereses de Puigdemont e socavan as bases en que sustenta a súa posición. Destarte, esta cuarta feira, e por vez primeira desde o 21D, a CUP abriu a billa a dar o seu apoio a un candidato distinto ao fuxido en Bruxelas. "Isto non vai de persoas", dixo a portavoz do Secretariado Nacional da CUP, Núria Gibert, en declaracións a unha emisora catalá, La Xarxa. "Isto vai de millóns de persoas que queren unhas novas institucións e iso pasa por ter alternativas en calquera momento". Alternativas para a eventualidade de a vía Puigdemont chegar a un beco sen saída. A CUP comezaría, por tanto, a ser sensíbel ao discurso de ERC: neste momento a chave non pasa tanto por restituír o Govern lexítimo -Puigdemont president, Junqueras vicepresidente-, senón por deixar atrás o 155 e reactivar así as institucións catalás de autogoberno.

A vía Puigdemont

As declaracións de Núria Gibert poñen terra de por medio con relación aos planos de Junts per Catalunya, sobre a vía que esa formación plantexa para investir Puigdemont. O roteiro proposto polo líder exiliado sería a modificación da Lei da Presidencia antes da propia investidura -necesariamente, para acortar os prazos, tería de ser nun trámite de leitura única- con vistas a permitir a elección telemática do president. JxCat insiste en que non quer unha presidencia simbólica, senón plenamente executiva. ERC afirma estar disposto a investir Puigdemont, mais sotto vocce as súas portavocías expresan dúbidas sobre o percorrido desta estratexia, nomeadamente tendo en conta o anuncio da Moncloa de que impugnará calquera alteración lexislativa no Parlament previa á investidura. A ameaza dunha prórroga indefinida, e mesmo cunha versión endurecida, do 155 paira sobre o soberanismo.

Assemblea d'Electes de Catalunya

Unha alternativa a este plano sería a de unha investidura simbólica de Puigdemont que coexistise coa designación por parte do Parlament dunha presidencia executiva. Esta idea foi proposta no seu día por Junqueras e non é do agrado de Puigdemont, mais talvez o último movimento da CUP -ao restar pontos de apoio ao líder de JxCat- obrigue o político de Girona a aceitar esta solución.

Esa investidura simbólica correría a cargo da Assemblea d'Electes de Catalunya (Aecat), unha institución criada en 2016 a iniciativa da Assemblea de Municipis per la Independència e que potencialmente pode reunir os 9.283 cargos eleitos de todas as institucións democráticas de Catalunya.

Poden aderir esa Aecat 9.077 concelleiras e concelleiros135 membros do Parlament; 47 parlamentares do Congreso; 16 senadoras e senadores, e 8 eurodeputadas e eurodeputados. Desa nómina potencial fan parte na actualidade da Assemblea por volta de 4.000 cargos, isto é, 43 por cento do total.

Comentarios