O 'PROCéS', á BEIRA DO COLAPSO

A CUP decide este mesmo serán se tomba os orzamentos do Govern e abre un escenario de novas eleccións

O procés volta a chegar a un ponto talvez de non retorno. O proxecto de orzamentos do Govern de Junts pel Sí podería se vir abaixo se a CUP decidir este serán votar nun sentido negativo. De seren rexeitadas as contas, a hipótese de ir de novo a eleccións voltaría a se pór sobre a mesa.

CUP
photo_camera Bancadas do Parlament

A tensión é máxima neste momento na política catalá e volta a pivotar a respeito da instábel relación entre Junts pel Sí -a plataforma de Convergència Democrática de Catalunya e Esquerra Republicana- e a CUP. A formación anti-capitalista reúne este mesmo serán por volta das 20 horas o seu consello político e o grupo de acción parlamentar. Serán quen tomen a decisión definitiva. Se nos guiarmos polo votado a este respeito polo Consello Político no seu momento, as contas serán vetadas. Nese órgao a emenda á totalidade aos orzamentos tivo 29 votos en contra, 11 abstencións e 8 a favor.

De acordo co que informa NacioDigital.Com, agárdase que a decisión da CUP trascenda por volta das 23 horas.

Nunca na historia da Generalitat uns orzamentos foro rexeitados polo Pleno do Parlament.

Nas últimas horas, o Govern moveu ficha e por boca do seu conselleiro de Facenda, o republicano Pere Aragonès, avanzou a hipótese de introducir mudanzas no imposto de sucesións sempre que a CUP retirar a emenda.

Aragonès salienta que as contas xa envolven un incremento das despesas sociais por volta dos 874 millóns de euros.

Trasfondo político

O debate dos orzamentos transparenta un fondo debate político na CUP, entre o sector que aposta por manter a alianza con Junts pel Sí -esteo do chamado procés- e aqueloutro que non vería con maos ollos un cenario de ruptura para, após unhas novas eleccións (serían as terceiras desde 2012!), ir á formación dun goberno de esquerda transversal -mais xa non independentista- con En Comú Podem.

Comentarios