Díaz-Canel asume a vicepresidencia do goberno cubano e perfílase como piloto do cambio xeracional

A Asemblea de Cuba re-elixe a Raúl Castro para o seu segundo e derradeiro mandato presidencial, alén de nomear vicepresidente a Miguel Díaz-Canel, nun paso de "renovación da revolución"
Raúl Castro e Díaz-Canel
photo_camera Raúl Castro e Díaz-Canel

A Asemblea Nacional do Poder Popular volveu depositar a súa confianza en Raúl Castro para comandar Cuba durante un novo mandato de cinco anos, até o 2018. O re-eleito presidente cubano xa anunciou que, en cumprimento do límite de dous mandatos, deixará o poder daquela. Por iso, o nomeamento polos membros do parlamento de Miguel Díaz-Canel como vicepresidente cobra unha especial trascendencia. Algúns xa ven neste enxeñeiro de 52 anos o 'sucesor' e indican a importancia de que a xeración xa nacida após o trunfo da Revolución desenvolva importantes responsabilidades de goberno.

No seu discurso, Raúl Castro, incideu na importancia que ten "entregar ás novas xeracións a responsabilidade de construir o socialismo", aliás de facer un chamamento a aprofundar na unidade latinoamericana para facer fronte o "inxusto e insostíbel orde internacional".

Na asemblea tamén estivo presente Fidel Castro, que foi recibido con ovacións e aplausos. Os e as deputadas elexiron, aliás, os e as integrantes do Consello de Estado, que foi renovado na súa meirande parte.

Quen é Díaz-Canel?

O novo vicepresidente cubano ten 52 anos de idade e é enxeñeiro. Foi profesor na Facultade de Enxeñería Eléctrica da Universidad Central de Las Villas. É membro do Comité Central do Partido Comunista desde 1991 e do Buró Político no 2003. Cumpriu "misión internacionalista" en Nicaragua. Aliás, foi ministro de Educación Superior e vicepresidente do Consello de Ministros a cargo de organismos vencellados a educación, ciencia, deporte e cultura. Participa na Comisión Económico Financeira do Goberno.

O Parlamento cubano foi renovado recentemente, mediante un proceso electoral, nun 67 por cento, respeito a anterior lexislatura, e ficou constituído coa ampla presenza feminina de 48,86 por cento, de negros e mestizos de 37,09 por cento e de graduados universitarios de 82,68 por cento. @s 612 deputad@s foron eleitos nuns comicios nos que participaron case sete millóns novecentos mil cuban@s, por volta do 90 por cento do rexistro de votantes da illa.

Comentarios