Cuba volve ser elixido membro do Consello de Dereitos Humanos da ONU

160 votos valéronlle a Cuba para voltar ao Consello de Dereitos Humanos da ONU durante o período de 2017 a 2019. A Asemblea elixía a sexta feira, a través de sufraxio directo e secreto, 14 países para ingresar ou se manteren no órgano.

Raúl Castro e Barack Obama, nunha imaxe de arquivo
photo_camera Raúl Castro e Barack Obama, nunha imaxe de arquivo

Cuba formará parte, durante outros tres anos, do Consello de Dereitos Humanos da ONU, após o país ser elixido por 160 votos nunha asemblea que tivo lugar na sexta feira. O embaixador da illa na ONU, Rodolfo Reyes, viu nesta reeleción “un recoñecemento á súa obra e labor [de Cuba] neste tema [os dereitos humanos]”.

Tamén salientou que a votación recoñece o papel, o compromiso, a dignidade e o liderado do país caribeño en materia de dereitos humanos e citou accións promovidas a favor dos dereitos económicos, sociais e culturais dos pobos, así como o dereito ao desenvolvemento e á paz.

A Asemblea elixiu, mediante sufraxio directo e secreto, un total de 14 países para ingresar ou se manteren no Consello durante o período que comprende do ano 2017 ao 2019. Cuba, que recibiu 160 votos, e o Brasil conseguiron os escanos en disputa por América Latina e o Caribe, e deixaron sen opcións Guatemala.

Pola outra banda, a Asemblea Xeral, con 191 votos de 193 membros, volveu reclamar o levantamento do bloqueo estadounidense á illa. A votación pola fin do cerco de Washington non contou con ningún voto en contra, tan só coas inéditas abstencións dos EUA e de Israel.

Comentarios