Cuba presidirá a Celac após un nomeamento "histórico" que recoñece á súa traxectoria política

A Comunidade de estados latinoamericanos e caribeños foi creada en 2011 e dela fan parte 33 países. A presidenta arxentina Cristina Fernández remarcou que a presidencia da illa "marcará unha nova época"
photo_camera Raúl Castro [SG]


Cuba asumirá a vindeira segunda feira a presidencia da Comunidade de estados latinoamericanos e caribeños, a Celac, nun recoñecemento á súa traxectoria por ter sido "durante décadas o albo da hostilidade dos que non aceptaron o seu modelo político". Así o manifestou o secretario executivo da Alianza bolivariana para os pobos de América, Alba, Rodolfo Sanz.

En liñas semellantes pronunciouse tamén a presidenta da Arxentina, Cristina Fernández, quen subliñou que "estamos diante dun feito histórico que marca unha nova época, unha América Latina e Caribe con diferencias mais moi unidos e cunha soa concepción do progreso e da inclusión social".

A Celac foi creada en decembro de 2011 en Caracas a iniciativa do presidente bolivariano Hugo Chávez, que estará representado polo seu vicepresidente, Nicolás Maduro, por mor da súa enfermidade. Dela fan parte 33 países. A primeira cimeira Celac-UE celébrase esta fin de semana, e culminará na segunda feira co transpaso da presidencia temporal de Chile a Cuba.

Comentarios