TRAS SEIS MESES DE DIáLOGO

Cuba confirma que o 20 de xullo abre a embaixada en Washington

Logo de seis meses de negociacións e no marco do restabelecemento das relación diplomáticas entre ambos os países, Cuba abrirá a embaixada en Washington o vindeiro 20 de xullo.

Tras concluír a Comisión de Relacións Exteriores do Parlamento de Cuba, a directora xeral dos Estados Unidos do Ministerio de Relacións Exteriores de Cuba, Josefina Vidal, confirmou que o próximo 20 de xullo terá lugar a cerimonia de apertura da embaixada cubana na capital dos EUA, Washington.

A diplomática cubana sinalou que nos vindeiros días se dará a coñecer máis información sobre a apertura da sede, “estamos a piques de rematar unha primeira fase que se vai pechar o próximo 20 de xullo, que é o día no que quedarán oficialmente restabelecidas as relacións entre Cuba e os EUA e o día na que as seccións de intereses dos dous países se van converter en embaixadas”.

Esta responsábel do Ministerio de Relacións Exteriores de Cuba avanzou que unha vez pasada esa primeira fase que conclúe coa apertura da embaixada comezará “o proceso cara a normalización de relacións, que vai levar tempo, pois teremos que tratar temas moi complexos que se acumularon ao longo de cinco décadas”.
 

Comentarios