Por expreso desexo do líder revolucionario

Cuba aprobará unha lei para evitar o culto á personalidade de Fidel Castro

En Cuba non haberá rúas nen parques nen avenidas Fidel Castro. Tampouco se erixirán bustos ou estatuas en memoria do líder revolucionario. Así o anunciou este sábado nun acto de masas en Santiago de Cuba Raúl Castro, presidente do país desde 2006.

stgo de cuba
photo_camera Acto de masas en Santiago de Cuba

Fidel Castro abominaba do culto á personalidade en vida e, unha vez desaparecido, a súa vontade será respeitada. Raúl Castro anunciou este sábado que a Asemblea Nacional, na súa próxima reunión, aprobará unha lei para dar cumprimento ao desexo do seu irmao de que “unha vez morto, o seu nome e representación física nunca sexa usada en institucións, rúas, parques ou outros espazos públicos, e que ningún busto, estatua ou outra formas de tributo sexan nunca erixidos”.

Esta decisión, personalísima, contrasta coa existencia de numerosas imaxes ao longo e ancho de todo o país do outro grande símbolo revolucionario, Ernesto Guevara de la Serna. Tamén Camilo Cienfuegos, un dos comandantes máis carismáticos dos que entraron vitoriosos na Habana en xaneiro de 1959, conta con monumentos no país que lle renden homenaxe após a súa temperá morte.

Raúl CastroRaúl Castro fixo este anuncio durante un acto político de masas en Santiago de Cuba, estación termo da viaxe das cinzas do líder revolucionario vindas da Habana, a chamada Caravana da Liberdade que, en senso inverso, rememorou a viaxe das forzas revolucionarias rumo á capital cubana en xaneiro de 1959. 

Na Praza da Revolución centos de miles de persoas aclamaron a memoria de Fidel nun acto no que estiveron presentes os presidentes de Venezuela, Nicaragua e Bolivia -Nicolás Maduro, Daniel Ortega e Evo Morales-, ben como os ex presidentes de Brasil Dilma Rousseff e Lula da Silva.

As cinzas de Fidel Castro han ser soterradas este domingo no cimiteiro de Santa Ifixenia, nunha cerimonia que porá ramo aos actos oficiais que durante os 9 días de loito se viñeron realizando no país após o falecimento do líder revolucionario.

O anuncio desta lei anti-culto á personalidade faino Raúl Castro despois de se coñecer que o concello de Oleiros pensa dedicar unha praza ao dirixente cubano.

Comentarios