Cuarta xornada de protestas no Estado español pola liberdade de expresión

Catro xornadas de mobilizacións pola liberdade de expresión leva o Estado após a detención de Pablo Hasél, con episodios de disturbios, cargas policiais e persoas feridas. A dereita española critica as manifestacións polos disturbios e Pedro Sánchez asegurou hoxe que “a violencia é inadmisíbel nunha democracia plena como España”.
Mobilización en Barcelona no marco da folga estudantil de 19 de febreiro pola liberdade de expresión (Foto: Kike Rincón / Europa Press)
photo_camera Mobilización en Barcelona no marco da folga estudantil de 19 de febreiro pola liberdade de expresión (Foto: Kike Rincón / Europa Press)

O encarceramento do rapeiro Pablo Hasél na terza feira ocasionou xa catro xornadas seguidas de mobilizacións en distintas cidades do Estado español. Nalgunhas, vivíronse disturbios e tamén cargas policiais contra manifestantes que foron captadas en gravacións que deixan testemuños impactantes do atropelo dunha persoa en Tarragona por un coche da Garda Urbana, de insultos e agresións a unha rapaza en Madrid, ou violentas cargas en Valencia e Barcelona, onde unha moza de 19 anos foi dada hoxe de alta após perder un ollo por un disparo dunha bala de 'foam' que o observatorio de dereitos humanos catalán Irídia atribúe aos Mossos d'Esquadra.

As cargas policiais están a avivar a tensión na rúa mais tamén no seo do Goberno español. A violencia é "inadmisíbel" e actuarase "con contundencia" para preservar a seguridade cidadá, avisou onte o presidente Pedro Sánchez, marcando perfil a respecto dos seus socios de Goberno, Unidas Podemos (UP), que defende as manifestacións fronte á condena de Hasél. Ademais, o líder de UP e vicepresidente segundo do Executivo, Pablo Iglesias, cuestionou a semana pasada que no Estado haxa normalidade democrática "plena", producindo fondo malestar no PSOE e causando peticións de cesamento por parte do PP, Vox e Ciudadanos. 

E neste contexto foi no que esta sexta feira Pedro Sánchez sentenciou que "o uso de calquera tipo de violencia" é "inadmisíbel" nunha "democracia plena", empregando o mesmo termo utilizado por Iglesias cando cuestionou a calidade democrática do Estado. 

Sánchez quixo deixar claro que non hai nada que xustifique o uso da violencia. Así o puxo de manifesto ao comezo da súa intervención no acto para presentar en Mérida o Plan de recuperación, transformación e resiliencia da economía española. Iso si, recoñeceu que "a democracia española ten unha tarefa pendente, que é ampliar e mellorar a liberdade de expresión" en liña co que xa existe noutros países europeos, para o que, ao seu xuízo, existe un "amplo consenso". "O Goberno xa manifestou que vai mellorar a protección legal da liberdade de expresión", dixo.

A actuación dos Mossos aterra nas negociacións para formar Govern

O non fácil encaixe entre Junts e a CUP que busca Esquerra para conformar o Govern da Generalitat ou, en todo caso, para posibilitar a investidura do republicano Pere Aragonès, suma dificultades polas cargas dos Mossos d'Esquadra nas mobilizacións en Catalunya acontecidas esta semana após a detención de Pablo Hasél.

Aragonès anunciou que a súa folla de ruta contempla "mudanzas" en Interior na nova lexislatura para "fortalecer un modelo de policía democrática" que se basee na confianza entre o corpo e a cidadanía.

As actuacións "individuais" que non se axusten á proporcionalidade e os protocolos, dixo, deben ser cortadas de raíz para "non manchar a tarefa" de todo o corpo de Mossos. A CUP pide a dimisión do conseller actual de Interior (de Junts) e reclama un cambio radical nas políticas de orde público se Junts quere un acordo con elas. 

Comentarios