A cualificación de risco da UE á COVID-19 alerta os sindicatos europeos

A Confederación Europea de Sindicatos exixe á Comisión Europea que revise a súa proposta de non colocar a COVID-19 entre o grupo de máis alto risco dos axentes biolóxicos.
traballo
photo_camera "Non é críbel que o virus non represente un risco serio", di a CES (Gleb Schelkunov / Polaris)

A Confederación Europea de Sindicatos (CES), que agrupa 90 organizacións nacionais de 38 Estados do continente, solicitou á Comisión Europea que revise a súa proposta de non colocar a COVID-19 entre o grupo de máis alto risco dos axentes biolóxicos.

A Comisión e expertos dos Estados membros deciden hoxe no Comité de Progresos Técnicos se a enfermidade que provoca o coronavirus debe cualificarse desta maneira na Directiva de Axentes Biolóxicos, unha medida que ten potenciais consecuencias para a saúde nos postos de traballo e para a seguridade da poboación, segundo sinalou o CES.

Actualmente, a Comisión considera que a COVID-19 non cumpre os requisitos para ser incluída na máis alta cualificación de axentes de risco das catro categorías existentes. Esta é: "Un que cause enfermidades humanas severas e supoña un risco serio para os traballadores; pode presentar un alto risco de estenderse á comunidade; habitualmente non hai profilaxe efectiva nin tratamentos dispoñíbeis".

En troques, a Comisión prevé colocar a COVID-19 noutra categoría máis baixa de axentes biolóxicos: "Un que cause enfermidades humanas severas e supoña un risco serio para os traballadores; pode presentar un alto risco de estenderse á comunidade; habitualmente hai profilaxe efectiva e tratamentos dispoñíbeis". 

Para o CES "non é críbel defender que a COVID-19 non represente un risco serio para os traballadores ou un alto risco de estenderse á comunidade", dada a situación actual.

Considera que "unha clasificación máis baixa podería resultar en menor protección da saúde dos traballadores e polo tanto un maior risco e un moi probábel aumento da pandemia entre a forza laboral europea". 

Para esta organización "é extremadamente insensíbel cos traballadores que poñen as vidas en risco na primeira liña da crise e coas familias daqueles que morreron por causa do virus".

Neste sentido, advirten que a cualificación do Executivo comunitario podería ser recorrida ante o Tribunal de Xustiza da UE. Ademais, din estar "particularmente preocupados" dado que a Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo "non foi consultada". 

A decisión que hoxe se tome no Comité serviralle á Comisión Europea  para poder tomar medidas sen necesidade de consultar coa Eurocámara.

Comentarios