Novo tracking eleitoral

Cs desfai o empate técnico e pon en risco a maioría soberanista

Más novas para o soberanismo na IV toma do tracking eleitoral de ElNacional.Cat: Ciudadanos destácase en solitario en cabeza por vez primeira, con 2,7 por cento de voto de vantaxe sobre unha ERC que se vai desfondando e que cada vez ten máis perto a candidatura de Puigdemont. Neste momento, a maioría absoluta estaría no arame para o independentismo.

arrimadas
photo_camera A formación de Arrimadas lidera o novo tracking de ElNacional.Cat

Ecuador da carreira cara ao 21-D e a tendencia de fundo é o ascenso da candidatura que lidera Inés Arrimada e a formación no bloco independentista de dúas forzas de peso eleitoral case equivalente (ERC e JxCat) co complemento dunha CUP que mantén o tipo a respeito dos resultados de 2015.

Esta é a fotografía que deita o IV tracking eleitoral que elabora Feedback para ElNacional.Cat. Por vez primeira na serie encabeza o inquérito en estimación de voto Cs, con 23,57 por cento dos apoios e unha estimación de 32 ou 33 escanos (25 en 2015). ERC ficaría na segunda praza con 20,89 por cento dos sufraxios (entre 30 e 31). Xa moi perto aparece Junts per Catalunya, a lista de Puigdemont, con 18,25 por cento e 26-28. A suma destas dúas forzas daría entre 56 e 59 escanos. Xuntos sumaron 62 en 2015. Por aí é onde veñen os problemas para o soberanismo superar a fronteira das 68 actas, as que dan a maioría absoluta no Parlament. Só a CUP estaría a facer os seus deberes neste capítulo. A sondaxe atribúelle 7,70 por cento do voto, un respaldo que se traduciría entre 9 e 10 escanos (10 en 2015).

Completan o bloco unionista o PSC de Iceta, que desce lixeiramente a respeito do terceiro tracking e agora sumaría 15,24 por cento, entre 20 e 21 escanos (16 en 2015), en tanto que o PP continúa a súa queda nos avernos, apenas tería 5,41 por cento, entre 5 e 6 actas (11 en 2015).

Por súa parte, Catalunya en Comú-Podem, a candidatura equidistante -nen 155 nen DUI-, repunta lixeiramente sobre a terceira mostra do tracking e alcanza 8,16 por cento, o que suporían 10-11 (11 en 2015).

En todo caso, o factor chave neste inquérito é o da participación ao prognosticar Feedback unha participación estratosférica da orde de 83,14 por cento (74,95 por cento en 2015), o que poría de relevo un forte compromiso de abstencionistas de hai dous con este novo proceso eleitoral. A maior parte deles, a xulgar pola sondaxe, reforzaría as posicións unionistas. Canto ás persoas indecisas, cada día hai menos, embora aínda fican na indeterminación 1,3 millóns de persoas.

Comentarios