Cruz Vermella regresa ás Malvinas para identificar os falecidos na guerra de 1982

Nunha primeira fase, hai catro anos, puxo nome a 115 militares arxentinos.
falklands-malvinas-tumba-soldado-desconocido
photo_camera Placa colocada nos soldados sen identificar antes do ano 2017 (Foto: CICR)

Un equipo forense do Comité Internacional da Cruz Vermella (CICR) nas illas Malvinas iniciou novos traballos para identificar militares arxentinos falecidos durante a guerra de 1982 entre a Arxentina e o Reino Unido, despois de que os labores realizados hai catro anos permitisen pór nome aos restos de 115 soldados nun fito sen precedentes.

Os gobernos británico e arxentino asinaron en marzo un acordo polo que solicitaban formalmente ao CICR que realizase novas tarefas de identificación no cemiterio Darwin, en concreto nunha fosa común coñecida como C1.10. Seis forenses chegaron esta segunda feira, 9 de agosto, á zona para proceder a estes traballos, catro anos despois do primeiro Plan de Proxecto Humanitario.

Neste primeiro plan, exhumáronse 122 corpos de sepulturas marcadas como "Soldado arxentino só coñecido por Deus", mentres que nesta segunda fase centraranse nunha fosa común que non foi considerada inicialmente ao ter xa unha placa identificativa desde o ano 2004.

A coordinadora de casos do Equipo de Antropoloxía Forense da Arxentina, Virginia Urquizu, explicou á axencia Télam que non hai data para o final dos traballos, xa que "dependerá da situación en que se encontren os restos". En principio, estima que "cara a fins de agosto" pode concluír unha primeira etapa.

As mostras óseas exhumadas serán remitidas a Córdoba, e finais de outubro ou principios de novembro agárdase ter "resultados definitivos", en palabras do secretario de Asuntos Relativos a Malvinas, Antártida e Atlántico Sur, Daniel Filmus. Será nesta etapa cando se cruzarán os datos facilitados polos familiares, vitais para a identificación.

"Agonía eterna"

A responsable forense do CICR para as Américas, Alejandra Jiménez, defendeu a implicación da organización neste tipo de traballos, na medida en que forma parte dun labor "exclusivamente humanitario" que en ningún caso suple o posíbel labor das distintas autoridades.

Neste sentido, apuntou que en situacións en que as familias non teñen noticias dos seus seres queridos hai "un enorme sufrimento, unha grande incerteza". "Os seus seres queridos non están nin vivos nin mortos até que non se saiba a sorte que correron", engadiu.

Para moitas familias de desaparecidos nas Américas, dixo, hai "unha agonía eterna" á espera dunha chamada que dea algún tipo de pista ou confirme que efectivamente a persoa que buscan está xa morta.

A identificación  chave en termos de dó, explicou, mais tamén a efectos burocráticos.

Comentarios