Cruzamento de sancións entre Oriente e Occidente

Reafírmase o afastamento entre os bloques UE-EUA e Rusia-China.
EuropaPress_3616949_handout_23_march_2021_china_guilin_russian_foreign_minister_sergey_lavrov
photo_camera Os ministros de Exteriores de Rusia e da China, hoxe en Guilin (Foto: dpa)

Os gobernos de varios Estados da UE, entre estes Alemaña e Francia, convocaron esta terza feira os embaixadores da China nas distintas capitais para trasladarlles o malestar ante as sancións adoptadas polo xigante asiático como represalia polas medidas tomadas na véspera por Bruxelas, que penalizou catro funcionarios chineses pola suposta violación de dereitos humanos dos uigures e doutras minorías musulmás na rexión autónoma occidental de Xinjiang.

As sancións, as primeiras contra dirixentes da China desde os acontecementos de Tiananmen en 1989, ameazan con danar o equilibrio nas relacións entre a Bruxelas e a China, despois do principio de acordo de finais de 2020 para o acceso ao mercado chinés das empresas europeas.

A UE posiciónase desta maneira coa postura adoptada por Estados Unidos. O país norteamericano foi o albo das críticas onte tanto da China como de Rusia, outro dos países que podería afrontar sancións estadounidenses a consecuencia da suposta implicación do Kremlin na presidenciais estadounidenses. 

Nunha xuntanza na cidade chinesa de Guilin, o ministro de Exteriores ruso, Sergei Lavrov, e o seu homólogo chinés, Wang Yi, acordaron unir esforzos para facer fronte ás sancións "ilexítimas" e "destrutivas" impostas por Washington e os seus aliados. Ambos os dous coincidiron en sinalar que son similares ás tácticas da Guerra Fría.

Neste sentido, solicitaron a convocatoria dunha cimeira dos membros permanentes do Consello de Seguridade da ONU para resolver os "problemas comúns da humanidade" nun momento de "turbulencias políticas" a nivel global.

Boa Veciñanza

Wang dixo que os políticos occidentais son "conscientes de que as calumnias con pretextos infundados e a inxerencia nos asuntos internos da China e de Rusia son cousas dun pasado remoto". 

E Lavrov destacou que a relación de Rusia coa China é moito máis dinámica que coa UE, sinalando que é culpa de Bruxelas. Con todo, matizou que Moscova volverá fomentar eses lazos sobre unha base de "igualdade e equilibrio de intereses cando Bruxelas estime conveniente eliminar esta anomalía".

Por outra banda, Lavrov e Wang certificaron onte a renovación do seu Tratado de Boa Veciñanza, Amizade e Cooperación, que se remonta a 2001 e será estendido de forma automática durante cinco anos". 

Comentarios