"ESTE MOVEMENTO XA CAMBIOU ESCOCIA PARA SEMPRE"

Crónicas dende Dunblane: reflexións sobre unha experiencia única

Emotiva crónica final desde Dunblane, xa cos resultados sobre a mesa, da nosa colaboradora Pilar Fernández.

Rally independence Escocia



Tivemos todos os elementos en contra. A campaña unionista gañou este referendo con todos os medios de comunicación ao favor, con moitos cartos, con medos e con promesas de última hora que veremos se son reais. O goberno escocés encargarase de reclamar o “Vow”, o tan cacarexado acordo entre líderes dos partidos unionistas en Westminter para dar mais competencias a Escocia antes de marzo de 2015.

A xente do Yes Scotland está devastada. Moita bágoa vin esta noite. É normal, dous anos de intensísimo traballo e ilusión que por moito lado positivo que queiras atoparlle, non é consolo de nada neste momento. Onte sentinme como cando o PP gaña e ninguén sabe onte están os seus votantes. 
2.001.926 votos unionistas contra 1.617.989 que pensaron que ter o futuro nas súas mans era a mellor opción. Sinto estes resultados como meus propios, pola miña total compromiso persoal e voluntario nesta campaña, por ter mamado ata o último artigo e noticia que aparecía sobre Escocia, por terme movido e participado como unha mais dentro do fantástico movemento Yes Scotland; este movemento non pode morrer, este movemento xa cambiou Escocia para sempre, algo está moi vivo neste país e o futuro non está aínda escrito. O camiño da revolución social en Escocia acaba de comezar, isto é un comezo, isto non é o final.

"O internacionalismo está mais vivo que nunca; grazas a tod@s e reflexionemos sobre o que significa o dereito a decidir dos pobos"

Non me queda mais que dende aquí agradecervos a tod@s e cada un de vós o voso impresionantísimo apoio, e lembrarvos, que estas batallas son as que nos enriquecen como persoas, as que nos fan vibrar, as que nos conectan con outros soñadores que viven miles de quilómetros alén de Galiza. O internacionalismo está mais vivo que nunca; grazas a tod@s e reflexionemos sobre o que significa o dereito a decidir dos pobos, reflexionemos sobre a democracia e reflexionemos sobre a inutilidade de non estar unidos loitando contra esta inmensa maquinaria destrutora de soños que hoxe estará celebrando a vitoria da mentira, do medo e do poder. Podemos lograr vencer todo isto e cambiar a sociedade. Só hai que seguir adiante, como sei que farán tod@s estes valentes unha vez pasen os días. Volverán a confiar e a loitar, e alí estaremos, acompañándoos. Unha aperta dende Dunblane. 
 

Comentarios