A SÓ 24 HORAS DO REFERENDO

Crónicas dende Dunblane: o poder do porridge escocés

Segunda entrega das crónicas de Pilar Fernández, colaboradora de Sermos Galiza, que segue moi de perto, e desde o terreno, a conta atrás do referendo do 18-S.

Rally in Glasgow
photo_camera Concentración en Glasgow.

Cambio de plans; o caótico e imprevisible da campaña lévanos a decidir moi rapidamente onde temos que estar, en que queremos participar, dende onde queremos seguir o referendo…. Reparto de tarefas, de publicidade, esta terza feira concentración en Edinburgh, e outra en Glasgow ao mesmo tempo! Cuarta feira  Glasgow repite, pretenden facer historia coa maior manifestación popular na cidade. A información móvese á velocidade da luz. 

Decidimos quedarnos en Dunblane, onde agradecen a presenza e o traballo que Sermos leva facendo durante todo o proceso. E o noso lugar, é a nosa xente, e para nós é o importante. Dave, Bill, Colin, Katrina, Mary, … esa é a xente de Yes Scotland que leva traballando tan duro, tan de continuo, con tanto entusiasmo e eles  deberían ser a portada dos xornais.

Apoio internacional

A xente está ofendida, ofendida coa campaña de intimidación dende os medios de comunicación, ofendida cos banqueiros, ofendida con Westminster que continúa sendo o obxectivo de denuncias polas súas máis que dubidosas accións; dinme que todo o mundo parece estar en contra de Escocia e que máis que nunca é bon saber que hai voces amigas por todo o mundo. Nunca o apoio internacional foi máis necesario.

Dinnos que parece que Cameron, Miliband e Clegg pensan que os escoceses son parvos. Sae publicada na prensa una declaración de intencións… un calendario de propostas de máis competencias, sen definir que competencias, coma cando Margaret Thatcher o fixo moitos anos atrás. Os vellos lembran moi ben ese episodio e falan alto, por algo son a mellor memoria histórica do país. O que ofrecen os unionistas non é válido, xa que para ter validez legal, debería ser aprobado pola Cámara dos Común, explícannos que roza o ilegal a tan pouco tempo do voto. 

As consignas da BBC

Na BBC continúan interrompendo de forma escandalosa ao FM Alex Salmond… parecen ter a consigna de non deixalo falar… eu non dou crédito coa falta de educación, e menos nesta sociedade que é tan coidadosa coas formas.

E tan só queda que Escocia se pronuncie, e que nós poidamos ter as forzas necesarias para transmitirvos todo o que estamos a vivir aquí... Menos mal que temos porridge en casa! Con iso, non hai referendo que se nos resista!  

(o porridge é un contundente almorzo típico escocés de avea) 

Comentarios