Crónicas dende Dunblane: a dous días dun cambio histórico

A nosa colaboradora Pilar Fernández, desprazada hai días a Escocia, achéganos o ambiente a escasas 48 horas do referendo.

Anuncio da data do referendo en Escocia
photo_camera Anuncio da data do referendo en Escocia

Dous días para o referendo. Parece que foi onte cando Alex Salmond e David Cameron asinaban o Acordo de Edimburgo.

Dous anos e Yes Scotland pode estar orgulloso do seu extraordinario traballo de base . Onte alguén lembraba que Better Together non organizou nin un só acto público en Glasgow, e sobran os dedos das mans se falamos de toda Escocia.

Filtración sensíbel 

Este domingo saltaron varias noticias, una delas gravísima, durante o debate da noite na BBC; o presentador James Cook quixo aclarar, contradicindo o que a conservadora Ruth Davidson aseguraba, que el persoalmente recibiu, sen solicitalo, un e-mail da oficina do Tesouro con información sensíbel para os mercados financeiros, o que resulta una verdadeira violación de toda norma por parte do Goberno británico. Ratificaba por tanto as acusacións vertidas polo primeiro ministro Alex Salmond. 

Esta aclaración precede ao polémico tirón de orellas que o propio Salmond deu  a Nick Robinson na rolda de prensa cos medios de todo o mundo, e que a BBC, escandalizando e enfadando o propio persoal da canle, manipulou descaradamente. Todos os que estabamos alí sabemos o que aconteceu.

As enquisas están igualadas só nos medios de comunicación. A pé de rúa a realidade é outra cousa

O domingo, tamén vimos como unha muller que está pendente dun duplo transplante de pulmón, trepaba polas rochas do Castelo de Edinburgh para colgar un enorme YES. A iso chámaselle valentía e compromiso.

A campaña quéntase por momentos. Os unionistas, á desesperada, renegan da Orden de Orange que desfilou en Edimburgo o pasado domingo, traendo a maioría dos seus membros dende o Norte de Irlanda. A BBC non deu cobertura nas noticias para o Reino Unido da  que debe ser a única ocasión na que se xuntan mais de 100 unionistas nun acto. Como tampouco cubriu o espectáculo de miles e miles de persoas nas rúas de Glasgow, caendo no mais estrepitoso ridículo ao publicar unha foto con 8 persoas para falar dos actos de Yes Scotland nesa cidade.

Medo entre os unionistas

Nun debate en Dunblane, lugar de tradición unionista, sorprendémonos coa audiencia. De 300 persoas, tan só unha ducia declaraban o seu apoio ao NON, o resto, claramente optaban por un SI rotundo. Os unionistas parecen estar aterrados. O propio Willie Rennie, voceiro dos Liberal Demócratas, recoñecía para Sermos Galiza que de gañar o SI, o seu partido que goberna en coalición cos Tory, vai ter moitos problemas.

As enquisas están igualadas só nos medios de comunicación. A pé de rúa a realidade é outra cousa.

Comentarios