Pilar Cancela: "É un suicidio"

Os críticos apresentan a súa demisión da Executiva, dispostos a consumar o golpe contra Sánchez

O sector crítico estaría a piques de forzar a saída de Sánchez da Executiva Nacional. O secretario xeral terá de abandonar o cargo inmediatamente se a metade máis un dos membros da dirección apresentan a súa demisión. El País, moi próximo aos críticos, afirma que os detractores de Sánchez están a un paso de darlle o golpe definitivo.

Pedro Sánchez. Mitin en Pontevedra. Eleccións xerais 2016.

Un secretario xeral eleito directamente pola militancia podería ser descabalgado esta mesma cuarta feira por un golpe de man do sector crítico, que utilizaría a tal efeito unha previsión estatutaria nunca utilizada na historia moderna do Partido Socialista.

Con efeito, segundo prescrebren os estatutos, a demisión do 51 por cento dos membros da Executiva Federal supón inmediatamente a disolución deste órgao e tamén da secretaría xeral, co cal o control do partido pasaría directamente a maos dunha comisión xestora.

Segundo El País, o sector crítico -favorábel a negociar co PP unha abstención que investiría Rajoy como presidente- tería xa o apoio de no mínimo 17 membros da Executiva Federal. 

Mais 17 non é suficiente. A Executiva ten 35 membros. Os críticos precisarían dun apoio máis para consumar o golpe. En realidade, a dirección socialista eleita no Congreso tiña 38 integrantes. Dous deles -o galego Besteiro e Javier Adreu- demitiron no seu día, por motivos previos aos desta crise. O terceiro, Pedro Zerolo, faleceu. A maioría sobre os 38 sería 20, número que os críticos non suman (as 17 demisións de agora máis as dúas anteriores dan 19).

En todo caso, de ter suceso esta demisión en bloco ficaría sen efeito a proposta de convocatoria dun congreso extraordinario con primarias para este 23 de outubro anunciada esta mesma semana por Pedro Sánchez.

Reacción desde a Galiza

A presidenta da Comisión xestora do PSdeG, partidaria de Sánchez, non dubidou en cualificar de "suicidio" e  "despropósito" a demisión en bloco dos 17 membros da Executiva federal.

"É un suicidio, unha loucura e un despropósito. Pensei que había máis cordura", afirmou aos meios Pilar Cancela.

A dirixente galega enfatiza que os críticos non reúnen a maioría, a metade máis un, dos membros da Executiva para forzar con efeito a súa disolución. A súa referencia son os 38 integrantes eleitos polo congreso e, portanto, o listón para provocar a queda de Sánchez sería a demisión de 20 membros, non de 19.

César Luena

O secretario de Organización, César Luena, compareceu durante a tarde en Ferraz para afirmar que "o líder do PSOE continúa a ser o que elixiron os militantes, Pedro Sánchez". Luena afirma que se "instigou estas demisións" para así "evitar un Congreso e que os militantes falen, seguramente para que o PSOE o dirixa unha xestora, sen explicar con que apoios ou alianzas de fóra do partido. É moi grave".

O secretario de Organización dixo que a Executiva vaise centrar en convocar un Congreso extraordinario e a esa executiva están convocados "os que continúan a ser membros".

Comentarios