Críticas á lei que exixe retirar nunha hora "contido terrorista" de Internet

O Parlamento Europeo votará a norma o mes que vén.
terrorism-online-thumbnail
photo_camera Ilustración elaborada polo Consello da UE para explicar o regulamento. (Foto: Consello da UE)

Un total de 61 organizacións en defensa dos dereitos civís emitiron esta quinta feira un comunicado urxindo ao Parlamento Europeo a rexeitar unha proposición de lei que obriga as plataformas online a retiraren "contidos terroristas" en menos dunha hora. Consideran que supón un risco para os dereitos fundamentais.  

O Consello da UE aprobou a semana pasada o regulamento, despois do acordo ao que chegaron os Estados membros a finais do ano pasado. "A UE busca impedir que os terroristas utilicen Internet para promover o radicalismo, o recrutamento e a incitación á violencia", sinalaba nun comunicado.

A norma xa fora redactada en 2018 e o mes vindeiro será votada na Eurocámara. 

As 61 organizacións, entre as que se inclúen Human Rights Watch, Amnistía Internacional, a Unión polas Liberdades Civís de Europa e a Federación de Xornalistas, afirmaron que a proposta ameaza a liberdade de expresión, a liberdade de acceso á información, o dereito á privacidade e o estado de dereito.

As novas regras aplicaranse a todas as compañías en Internet que ofrezan os seus servizos na UE, independentemente do lugar en que se sitúe a sede legal da plataforma ou de cal sexa o seu tamaño. Isto inclúe as maiores, como Google, YouTube, Facebook ou Twitter. E define como "contido terrorista" o material que "incita ao terrorismo" ou que vai "destinado a recrutar ou adestrar terroristas".

Automatización

O curto espazo de tempo concedido ás plataformas para retiraren eses contidos fará que, con toda probabilidade, se usen filtros e mecanismos automatizados de moderación, manifestaron as ONG. Isto, argumentaron, pode levar a erros á hora de identificar correctamente activismo, discursos alternativos ou mesmo a sátira do terrorismo.

"O aumento da automatización acabará por resultar na retirada de contidos legais como noticias ou sobre o tratamento discriminatorio de minorías e de grupos sen voz", sostiveron, citando como exemplos Syrian Archive e Yemeni Archive, dúas ONG que se dedican a recompilar e arquivar vídeos sobre esas zonas en conflito en Oriente Próximo.

Ademais, tamén criticaron o poder concedido aos Gobernos dos Estados ─no canto de aos tribunais─ para decidiren a retirada do suposto contido terrorista. "Este regulamento podería dar capacidade a líderes autoritarios para eliminaren as críticas alén das súas fronteiras. Significa que líderes como Viktor Orbán [primeiro ministro de Hungría] podería exixir a unha plataforma online que retire contido almacenado noutro país simplemente porque non lle gusta", manifestaron. 

Comentarios