Críticas ao rei pola defensa uniformizadora do Estado

A defensa inamovíbel da Constitución e a visión “uniformizadora” do Estado foron os principais aspectos do discurso de Filipe VI que criticaron as forzas soberanistas da Galiza, Euskadi e Catalunya. A excepción do PSdeG, que asegurou coincidir co rei na defensa da Carta Magna, os partidos da oposición na Galiza denunciaron as palabras do monarca. Cs, Vox e PP felicitaron o Borbón.

Filipe VI no discurso de 24 de decembro (Imaxe: Pool)
photo_camera Filipe VI no discurso de 24 de decembro (Imaxe: Pool)

As principais críticas ao discurso que Filipe VI pronunciou en 24 de decembro chegaron desde as forzas da Galiza, Euskal Herria e Catalunya, denunciando a férrea defensa da Constitución que realizou o monarca e a súa “visión uniformizadora” do Estado.

Na nosa nación, Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso dos Deputados, non só denunciou por eses aspectos o discurso de Filipe VI, senón que tamén criticou a monarquía en si por ser unha figura “anacrónica” impropia dun Estado que se chame democrático. Desde Común da Esquerda a súa voceira Luca Chao lamentou que o rei se sumase a quen empregan a Constitución como “arma política” e denunciou a ausencia da violencia machista en todas as enumeracións que Filipe VI fixo das problemáticas do Estado.

Gonzalo Caballero, secretarioo xeral do PSdeG, emitiu un comunicado en que asegurou coincidir co monarca na defensa da Carta Magna e desde Ciudadanos, Vox e o Partido Popular felicitaron o Borbón.

Rego denuncia a visión uniformizadora do Estado e unha monarquía anacrónica

No Bloque Nacionalista Galego viron o discurso do rei “un ano máis como a expresión da visión uniformizadora do Estado español, que nega a existencia doutros pobos e culturas diferentes da española e que choca coa realidade dun Estado que é plurinacional, pluricultural e plurilingüe”, afirmou o deputado no Congreso Néstor Rego.

O discurso do rei “é un canto ao réxime político español e á Constitución como marco de convivencia cando na realidade é ese réxime e esa Constitución quen negan Galiza como nación e os nosos dereitos colectivos como pobo, e nesa medida, negan tamén a posibilidade de avanzarmos en democracia e benestar social”, denunciou Rego.

Así mesmo, o deputado nacionalista sinalou que onte se escoitou “un discurso pretendidamente social que se ve claramente como impostado, e que é moi alleo e distante da realidade social e das aspiracións da maioría da sociedade galega”.

Para Rego “todo isto evidencia o anacronismo dunha institución como a monarquía que é incompatíbel cun sistema que se considere verdadeiramente democrático, onde a xefatura do Estado debera ser decida polo conxunto das cidadás e cidadáns”.

Chao denuncia a ausencia das vítimas da violencia machista

O Grupo Común da Esquerda no Parlamento galego, e que agrupa Anova, EU e Podemos, lamentou por medio da súa voceira Luca Chao que o xefe do Estado decidira sumarse no seu discurso de 24 de decembro "a unha única parte do país: aqueles que son constitucionalistas a tempo parcial, que usan a Constitución como arma política, pero que a esquecen para defender asuntos fundamentais como o emprego, o dereito á vivenda ou a igualdade entre homes e mulleres", sinalou Chao. .

A parlamentaria e voceira do grupo fixo fincapé en que esta última "é unha ausencia bastante rechamante", xa que o xefe do Estado "non tivo nin un segundo para acordarse das decenas de vítimas da violencia machista".

Chao salientou a súa preocupación pola “auxe da extrema dereita e unha monarquía que está ancorada nas tradicións do pasado, lonxe das esixencias democráticas do noso tempo e que entendemos que cómpre revisar". 

Caballero salienta a defensa da Constitución e o rexeitamento “dos extremismos”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, respaldou que o Rei aproveitase o seu discurso de Nadal para defender a Constitución e os valores de “igualdade, solidariedade e liberdade”.

“Coincidimos na defensa da Constitución e na confianza no noso país para abordar os grandes retos de futuro, así como na importancia da igualdade, a solidariedade e a liberdade”, resaltou o líder do PSdeG, antes de pór en valor que Filipe VI sinalara tamén a relevancia da “concordia” dentro da “diversidade de España”.

Para Gonzalo Caballero foi “positivo” que o xefe do Estado “rexeitase explicitamente os extremismos”, entre os cales o secretario xeral do PSdeG sinalou a ultradereita, e que o Rei mencionase “os sectores máis vulnerábeis da sociedade, o desemprego e a desigualdade”.

Con todo, o máximo dirixente do PSdeG apuntou que “convén marcar máis os discursos na defensa do Estado do benestar e do Estado das autonomías”, así como “na loita pola igualdade real e contra a violencia de xénero”.

Así mesmo, Gonzalo Caballero considerou necesario remarcar máis a importancia de avanzar nunha “transición ecolóxica cara modelos de desenvolvemento sostíbel que respecten o medio”.

PP, Cs e VOX eloxiaron o discurso do rei

Representantes do Partido Popular, Ciudadanos e Vox felicitaron Filipe VI polas súas palabras. Así, a vicepresidenta do Congreso, Ana Pastor, eloxiou que o discurso do monarca instase a "non caer nos extremos, nin nunha autocompracencia" que silencie as carencias ou erros, nin nunha "autocrítica destrutiva que negue o gran patrimonio cívico, social e político acumulado".

Pola súa banda, Vox subliñou na súa conta de twitter a parte da alocución de Felipe VI: "Confiemos en nós mesmos, confiemos en España e manteñámonos unidos". A mensaxe da rede social remata coas siglas VERDE, cuxo significado é "Viva o rei de España".

Precisamente, tamén a portavoz de Cs no Congreso dos Deputados, Inés Arrimadas, destacou do discurso do monarca a mesma frase que Vox: "Confiemos en nós mesmos, confiemos en España". Arrimadas cualificou ao discurso de Felipe VI de " atinado e pertinente.

O PNV critica que o rei non dixese "absolutamente nada" a vascos, cataláns e galegos

O portavoz do PNV no Congreso, Aitor Esteban, criticou que o discurso do monarca se dirixise á maioría da cidadanía española sen dicir "absolutamente nada" para quen non se sente identificado con ese modelo que o Monarca "enxalza", e que son uns "cantos millóns de habitantes en Catalunya, Euskadi e na Galiza", obviando por tanto que son "cidadáns que teñen lexitimamente outra visión do Estado".

Nunha rolda de prensa en Bilbao, Esteban cualificou de "discurso fácil" o do rei, que "tapa a realidade, vai á loa da Constitución, e non fala das necesidades de reforma" da mesma.

"A mensaxe foi un mero enunciado, unha descrición dalgúns problemas, pero sen máis. Un discurso que cualificaría de intento de baño de autoestima, que exhibe claramente como un Estado inseguro, en crise, ante numerosos retos. Un Estado con incapacidade de enfrontar as súas realidades", sinalou o voceiro jeltzale no Congreso.

Por iso, apuntou que "máis que un baño de autoestima, fose máis proveitoso un baño de realidades". Neste sentido, considerou que cando o monarca fala dunha España moderna, que coñece o mundo internacional cunha visión realista e completa, "nesa visión realista de como funcionan outros países, algunhas institucións e organismos fallan, como se ve no caso dos tribunais de xustiza españois, corrixidos unha e outra vez, ano tras ano, pola xustiza europea".

Bildu retruca ao rei que nun país con presas políticas non hai liberdade

O deputado de Euskal Herria Bildu no Congreso Jon Inarritu respondeu as palabras do monarca Filipe VI asegurando, na súa conta de Twitter, que “nun Estado con presos políticos non hai convivencia en liberdade e non é un país moderno”.

Este representante nas Cortes da esquerda abertzale quixo lembrar ademais a baixa valoración que a Monarquía e o rei reciben nas enquisas realizadas en Catalunya, polo que ironizou escribindo: “é normal que Catalunya lle preocupe”.

Torra responde ao rei: “a preocupación é o Estado español hoxe en Europa”

O president da Generalitat Quim Torra respondeu ao rei Filipe VI cando dixo que Catalunya é unha seria preocupación, replicando: "Non. O que é unha seria preocupación é o Estado español hoxe en Europa".

Así o dixo este 25 de decembro nun discurso no cemiterio barcelonés de Montjuïc, após a ofrenda anual ante a tumba do ex president da Generalitat Francesc Macià.

España é preocupante para Europa, dixo Torra, porque é "un Estado que vulnera os dereitos humanos, que incumpre as resolucións dos tribunais de xustiza europeos e que nega o dereito  inalienábel das e dos cataláns para exercer o seu dereito á autodeterminación".

A CUP chamou a non escoitar o rei

A CUP viralizou un vídeo en Twitter enfrontando o discurso do rei coa realidade que supón o feito de realizarse 1 desafiuzamento de media cada 12 minutos, haber 9 persoas exiliadas e 19 presas políticas soberanistas na actualidade e de térense realizado 292 detencións desde 2017, producirse centos de accidentes laborais e 33 feminicidios nos Països Catalans en 2019. Por iso, no vídeo chamaron a non escoitar o monarca.

Rufián compara o discurso do rei cun mitin de Vox

O portavoz no Congreso de Esquerra Republicana de Cataluña, Gabriel Rufián, comparou o discurso do monarca cun "mitin de  Vox" e pediu á Xunta Electoral Central que o "compense".

Así reaccionou o soberanista ao tradicional discurso de Nadal do rei, a través da rede social Twitter, onde emitiu tres chíos. Nun deles apuntaba: "A ver se a Xunta Electoral Central compensa este mitin de  VOX".

Ademais, ironizou, nun primeiro chío, cun "Filipe falando de dereitos e liberdades, e ti con medo a twitear". E tamén escribiu: "Se non che gusta o #DiscursoDelRey pois non lle votes máis".

O líder de ERC no Concello de Barcelona, Ernest Maragall, reaccionou á mensaxe de Filipe VI afirmando que é "un discurso que non respecta a Catalunya nin engade ningunha vía de compromiso nin de diálogo institucional". Díxoo así en nome de Esquerra no cemiterio de Montjuïc durante a ofrenda a Francesc Macià, acompañado, entre outros, do presidente do Parlament, Roger Torrent.

Comentarios