A PRESIDENTA PON EN DúBIDA A TESE DO SUICIDIO E APONTA OS SUMIDOIROS DE INTELIXENCIA

Cristina Kirchner, sobre o fiscal Nisman: "Usárono vivo e despois necesitábano morto"

A historia da morte do fiscal arxentino Alberto Nisman comeza a adquirir caracteres de thriller. A presidenta do país, Cristina Fernández Kirchner, pon agora en dúbida que Nisman se suicidase e apunta como responsábeis os sumidoiros dos servizos de intelixencia, aos que recentemente ela depurou.

kirchner

A versión de CFK -o acrónimo con que é popularmente coñecida a presidenta do país austral- sería, máis menos, a seguinte: un sector mafioso dos servizos de intelixencia arxentinos, con conexións coa CIA e o Mosad, empregou o fiscal Nisman como ariete contra o seu goberno, como no pasado o fixera tamén co de Carlos Ménen. En decembro, Kirchner purgou o chefe desa cúpula, o responsábel do grupo de operacións dos servizos de intelixencia, Antonio Stiusso, 40 anos de desempeño nos sumidoiros do Estado, con destaque para o seu traballo durante a ditadura militar. Na Casa Rosada sostense a tese de que Nisman foi en todo momento un pión de Stiusso e que este, unha vez defenestrado, conspirou para que aquel acabase formulando unha denuncia contra Cristina Fernández Kirchner por encobrimento dos terroristas iranianos aos que se imputa a responsabilidade dos atentados de 1994 que se saldaron coa morte de 85 persoas pertencentes á comunidade xudea de Bos Aires.

Agora CFK insinúa que a cúpula dos servizos de intelixencia depurados por ela está detrás das estrañas circunstancias en que se produciu a morte de Nisman. Teríano asasinado para que todas as sospeitas se dirixisen cara á Casa Rosada, iso é o que implicitamente vén dicer a presidenta arxentina. Non doutro xeito se pode interpretar que no seu perfil de Facebook escribise: "Usárono vivo e despois necesitábano morto. Así de triste e terríbel".

 Teríano asasinado para que todas as sospeitas se dirixisen cara á Casa Rosada, iso é o que implicitamente vén dicer a presidenta arxentina

A denuncia de Nisman contra Cristina Fernández Kirchner era gravísima. Imputáballe nada menos que o encobrimento dos axentes iranianos responsábeis do atentado, garantíndolles a impunidade, a troca de obter de Teherán vantaxes comerciais (basicamente no que ten a ver co petróleo).

A causa do fiscal contra a presidenta ficou debilitada unha vez que o director da Interpol cualificou de falso que CFK conspirara para que esta axencia internacional cesase na persecución dos axentes iranianos imputados. O xuíz do caso tamén considerou que os cargos contra a presidenta estaban pouco fundamentados.

Nunha primeira instancia, a autopsia desbotou que terceiras persoas interviñeran na morte de Nisman, producida o pasado domingo, no baño da súa casa. Apareceu morto cun disparo na cabeza nas vésperas de comparecer no Congreso para defender a súa denuncia contra CFK, unha sesión parlamentar que obviamente ía estar moi carregada de tensión. A tese do suicidio debilitouse tamén ao non ser achado nengun rastro de pólvora na arma homicida. Nas primeiras horas após a morte de Nisman, fontes próximas á Casa Rosada manexaron a hipótese de que o pretenso suicidio fose instigado, provocado por quen tiraría proveito da desaparición física do fiscal.

Para Cristina Fernández Kirchner, neste momento, non hai dúbida: Nisman foi vítima dun compló por parte de ex axentes da intelixencia arxentina interesados en levantar unha historia falsa segundo a cal o goberno do país austral chegou a un acordo ilexítimo con Teherán, isto é, traizoou a memoria das vítimas do cruel atentado de 1994 para, en troca, obter beneficios comerciais.

Comentarios