A crise marca o debate do estado da nación en Portugal

PCP e Bloco apostan por políticas máis a esquerda

António Costa (arquivo).
photo_camera António Costa (arquivo).

A asemblea lexislativa portuguesa puxo esta sexta feira remate ao actual período de sesións co tradicional debate sobre o estado da nación. A resposta sanitaria á pandemia do coronavirus e a crise económica asociada á mesma marcaron unha sesión parlamentaria onde ficaron testada as incertezas das formacións políticas para os vindeiros anos. Ao tempo, fica por clarificar o apoio á política do Goberno primeiro ministro, o socialista Antonio Costa por parte das forzas da oposición parlamentaria de esquerda, que fixeron posíbel a súa chegada ao Executivo.

Os portavoces do Partido Socialista sinalaron que os seus obxectivos en materia económica non pasan pola austeridade, poren esixiron ao Bloco de Esquerdas e ao Partido Comunista Portugués(PCP) compromisos claros coa acción gobernamental. A este respecto, o presidente partido Cesar Costa sinalou que as formacións da esquerda “se están interesados en garantir a estabilidade, deben dicilo rápido”, insistido que “debemos definir desde xa se temos ou non temos lexislatura”. As palabras do dirixente socialista foron entendidas por algúns sectores como unha mostra da intención dos socialistas a abrirse a acordos co Partido Social Demócrata(PSD).

O PSD cuxo achegamento aos socialistas ao longo da crise foi evidente, ofreceron a súa colaboración ao Executivo mentres continúe a emerxencia sanitaria e económica. “Aquilo que nos interesa é se o Orzamento resolve os problemas do país. Vamos posibilitar o Orzamento só porque temos medo dunha crise política?. Non”, sinalou o vicepresidente da formación conservadora, David Justino, quen considera que hai marxe para continuar a liña de acordos e pactar os criterios do reparto de fondos procedentes da liña de asistencia aprobada pola Unión Europea.

O PCP non está disposto a que pandemia sirva de coartada para novos recortes nas condicións do pobo portugués. A deputada comunista, Paula Santos destacou que os problemas do país son estruturais, poñendo como exemplo “os baixos salarios, precariedade,falla de regulación dos horarios laborais, déficit produtivo e alimentar ou as privatizacións”.O partido urxiu unha aposta pola produción nacional, a agricultura, a pesca, as pemes, e “a recuperación do control público dos sectores estratéxicos da economía”

O Bloco de Esquerdas demandou un compromiso claro cunha axenda social, se ben condicionou a súa relación co Goberno as negociacións do Orzamento de 2021, onde consideraron chave políticas de reforzo dos servizos públicos e de protección do emprego e dos salarios.

Comentarios