A crise da lira en Turquía ameaza con levarse por diante a Erdogan e o AKP

A crise económica en Turquía provocada pola caída da moeda profúndase cada día máis, entre mobilizacións e críticas á particular política económica do mandatario. 
Manifestación en contra de Erdogan este domingo en Istambul organizada pola Confederación de Sindicatos Progresistas (DISK). (Foto: DISK)
photo_camera Manifestación en contra de Erdogan este domingo en Istambul organizada pola Confederación de Sindicatos Progresistas (DISK). (Foto: DISK)

Milleiros de persoas saíron este domingo en Ancara (capital turca) e Istambul a protestar pola política económica do presidente Recep Tayyip Erdoğan, cando a lira turca perde o 50% do seu valor fronte ao dólar e ao euro con respecto ao comezo de 2021, e a volatilidade económica obriga a que os prezos cambien cada día.

Produtos específicos como os tomates e o aceite de xirasol incrementaron o seu custe un 75% e 138% respectivamente. “Até é imposíbel cociñar un prato principal para unha familia con estes prezos”, explicou Sevim Yildirim á BBC nun mercado de froitas.

Aínda que a taxa de inflación oficial alcanza o 21%, o Instituto Estatístico Turco revela que o aumento de prezos para os produtores foi do 54,6%, denuncia a oposición, que apunta que a inflación real é cando menos o dobre da recoñecida.

Por unha banda, a inestabilidade política que acompaña a situación está xerada polo autoritarismo da xestión de Erdoğan, multiplicado co intento de golpe de Estado en 2016 e a súa posterior resposta. Ademais, esta inestabilidade pasou á economía ao conxelarse as relacións con socios como os Estados Unidos despois dos desacordos coa súa estratexia en Siria de patrocinar os esforzos dos kurdos por consolidar un protoestado.

Todo isto provocou que ese capital financeiro permanecera lonxe de Turquía, abrindo o paso ao motivo central da crise: a pouco ortodoxa política económica defendida polo presidente.

Contra as taxas de interese 

As taxas de interese son “un mal que fai aos ricos máis ricos e aos pobres máis pobres”, defende Erdoğan con insistencia, procurando impulsar un crecemento económico baseado nas exportacións e no sector da construción, para o cal reitera a necesidade de que este nivel se manteña baixo.

Porén, o economista Mustafa Sönmez salienta que “en todos os países desenvoltos e en desenvolvemento que enfrontan o problema da inflación, os bancos centrais subiron os tipos de interese para arrefriar as súas respectivas economías”.

Isto non evitou que en menos de tres meses as taxas de interese pasaran do 19% ao 15%, con sinais de que esta semana o Banco Central turco podería reducir un 1% máis os tipos, segundo informa Reuters.

A presión de Erdoğan para pór en práctica esta política económica levouse por diante a tres presidentes do Banco Central en dous anos.

Os primeiros días de decembro presentou a súa dimisión o ministro de Finanzas, Lütfi Elvan, após tomar posesión hai un ano, por negarse a seguir as directrices. Nureddin Nebati, o novo titular, é moi próximo a Erdoğan, mais non ten estudos en economía.

Amais da rebaixa das taxas de interese, a institución financeira está impulsando a venda de futuros sobre a lira, “é dicir, garante ao comprador un cambio definido nunha data máis tardía, asumindo as posíbeis perdas”, explica Sönmez, que adianta que os mercados financeiros non están especialmente interesados.

Certas estimacións calculan que a taxa de depósitos de cidadás e cidadáns turcos nos bancos en moeda estranxeira supera o 60%, tras comezar a moeda o ano a 7,4 liras por dólar e rozar esta segunda feira as 15 liras por dólar.

Suba do salario mínimo

Para calmar as protestas e a insatisfacción crecente da poboación, o Goberno turco avalía unha suba do salario mínimo de 2.825 liras a entre 3.500 e 4.000 liras, despois de que, ao cambio, pasara de case 383 dólares en xaneiro a 206 agora.

Con todo, o analista Barış Demir advirte que aínda co suposto aumento, os salarios mínimos seguirán sendo 100 dólares máis baixos que a comezos de 2021.

En todo caso, axencias de clasificación de crédito como Standard & Poor's reduciron a cualificación da débeda turca a negativa, espertando un dos maiores temores de Erdoğan e o Partido da Xustiza e o Desenvolvemento (AKP), un colapso económico a grande escala.

Impacto político

As folgas e as ocupacións de fábricas convertéronse na tónica nestes últimos meses, nos que se espallaron as mobilizacións para denunciar o empeoramento nas condicións sociais do país.

A deterioración socieconómica vén da man da redución dos apoios cos que conta o AKP, de feito, nunha enquisa de NAR Research colócase ao Partido Republicano do Pobo nun empate técnico co AKP, algo que non acontecera desde a súa chegada ao poder en 2003, e que impulsa as reclamacións de eleccións.

Comentarios