Crimea adianta a finais deste mes o referendo de autodeterminación

Máis de 3.000 militares ucraínos xuran ''fidelidade ao pobo de Crimea'', Occidente sopesa até onde é conveniente actuar e Rusia prosegue a expansión da súa presenza na península.

352557_Crimean-parliament-rally

O 30 de marzo a cidadanía de Crimea votará nunha consulta sobre se desexa que esta república autónoma ucraína pase ser un estado nominalmente soberana que poida se relacionar con Kiev, capital de Ucraína, en pé de igualdade. As novas autoridades de Crimea deciden pois adiantar o referendo que inicialmente ía realizarse o 25 de maio, nunha decisión que xa foi moi criticada pola minoría tártara, partidaria de manterse en Ucraína e que ven de denunciar que se sente “desanimada” pola reacción occidental á “ocupación de Crimea por Rusia”.

Nas últimas horas, tropas pro-rusas ocuparon novas instalacións militares en Crimea que afianzan o seu dominio total da península, cunha poboación a prol de Rusia polos lazos culturais, históricos e económicos. Segundo informa A Voz da Rússia, citando medios do goberno crimeo, máis de 3.000 militares ucraínos xuraron nestes días “fidelidade ao pobo de Crimea”. Entre eles, o até de agora Xefe da Armada Ucraína.

Lexitimidades e ilexitimidades

Occidente procura un fronte común que de unha resposta áxil a Rusia. Esta segunda hai xuntanza de ministros de Exteriores dos estados da UE. Obama envía ao seu secretario de Estado John Kerry a Kiev. O G8 debate se expulsar a Rusia. O novo goberno ucraíno exixe unha resposta contundente de Occidente ante o que cualifica de “agresión de guerra” de Rusia en Crimea...

Desde Moscova defenden a súa postura en base a dous eixos, como indica Rusia Today. Por unha banda, na necesidade de defender a poboación rusa de Ucraína. Por outro, defender o goberno lexítimo de Yanukovich do novo executivo “ilexítimo, de extrema-dereita, anti-semita e xenófobo”, xurdido dun “golpe de Estado”.

A decisión do novo goberno ucraíno de retirar ao ruso (segundo idioma en Ucraína) a consideración de oficial non fai máis que acrecentar os temores nas zonas dese estado máis vinculadas a Rusia e que, en boa medida, aplauden a actuaciónd e Moscova.

Até onde?

A analista da BBC Bridget Kendall vaticina que Occidente non recorrerá á violencia militar e que as medidas que vai tomar serán diplomáticas e económicas. “Mais esas sancións son insostíbeis no tempo. Rusia é moi poderosa e perigosa, e moi importante para a estabilidade” como para illala.

E mentres tanto, o FMI...

Unha comitiva do FMI chega a principios desta semana a Kiev para empezar as consultas sobre a axuda económica a Crimea, segundo informa un membro do banco central de Ucraína citado por The Guardian. O goberno 'interino' xurdido dos protestos de Maidan afirma que Ucraína precisa 25.000 millóns de euros nos vindeiros 2 anos para evitar o colapso.

Comentarios