O crime de estudantes en México: corrupción, narcotráfico e impunidade

A Fiscalía Xeral de México apunta o rexedor de Iguala e a súa compañeira como autores intelectuais do asasinato e desaparición de 43 estudantes en setembro. VÍDEO DUN ESTUDANTE NO INTERIOR.

Carlos Latuff
photo_camera Carlos Latuff

Podería ser un filme de ficción mais non o é. O municipio de Iguala --no estado de Guerrero, Mexico-- foi o escenario dun crime múltiple que conta con trazos dos que gostaría calquera guión de Hollywood. Narcotráfico, corrupción e sangue mestúranse no caso d@s 43 estudantes desaparecid@s e asasinad@s o pasado 26 de setembro en Mexico. Un acontecemento que, embora non ter acendido as alarmas internacionais, reflicte o día a día de numerosas vilas e cidades mexicanas nas que o cartel da droga e @s responsábeis polític@s van da man. 

Un goberno ligado ao narcotráfico

A figura central está a ser a de José Luís Abarca, alcalde do municipio de Iguala. Porén, era María de los Ángeles Pineda --a súa compañeira-- a que actuaba a modo de conector entre os narcos e o goberno local. A súa familia está ligada ao cartel dos Leyva --segundo informou o procurador xeral de Mexico, Jesús Murillo Karam.

A Fiscalía xeral de Mexico sinala María de los Ángeles Pineda como "dirixente" do cartel dos Guerreros Unidos e principal nexo entre o narco e o goberno de Abarca

Filla e irmá de narcos, Pineda dirixía, de acordo coas investigacións xudiciais, os Guerreros Unidos. Un grupo de delincuentes vinculados ao narcotráfico que percibían das arcas públicas municipais entre "2 e 3 millóns de pesos" de maneira regular, dos que "cando menos 600 mil eran destinados ao control da policía local", apuntou Murillo Karam en comparecencia de imprensa o 22 de outubro. 

Pineda era, segundo declarou o líder de Guerreros Unidos --detido en Iguala-- a "principal operadora de actividades delictivas desde a presidencia municipal", en cumplicidade co seu compañeiro e alcalde, Abarca. Aliás, visaba presentarse ás eleccións locais de 2015. Nesta estreita relación entre o narco e o goberno, a policía local de Iguala atopábase controlada polos propios Guerreros Unidos que, segundo o relato da Fiscalía, mesmo elixían @s axentes municipais. 

O goberno de Iguala recibia diñeiro periodicamente do cartel para controlar, principalmente, a policía local

O contexto estaba servido para que o 26 de setembro, a detención de 43 estudantes rematara nun crime. 

Estudantes rurais

Os estudantes mexicanos pertencían á Escola Normal Rural 'Isidro Burgos' de Ayotzinapa, no estado de Guerrero. Segundo TeleSur son na súa maioría fill@s de campesiñ@s e loitan desde hai anos contra a discriminación que padecen no reparto de prazas --favorábeis á escola urbana-- por parte do goberno estatal. Defenden un maior financiamento e recursos para os centros de ensino rural e padecen desde hai anos a represión policial. 

O alumnado pertencía á Escola Normal Rural de Ayotzinapa, fill@s de campesiñ@s e denunciantes dos nexos entre o narco e os gobernos do estado de Guerrero

Os seus confrontos co alcalde de Iguala, José Luís Abarca, veñen de lonxe. Denunciaron en non poucas ocasións os vínculos deste co cartel e a súa participación en diversos crimes. Entre eles, o secuestro, tortura e asasinato dos líderes da Unidade Popular Arturo Hernández Cardona, Félix Rafael Bandera Román e Ángel Román Ramírez en xuño de 2013. Un dos casos que "reflicten de maneira clara a inseguridade que impera", sinalou Rebelion.org naquela altura, e do "acoso" que atinxe as "organizacións sociais e de esquerda" no país. 

No día 26 de setembro, 43 alumn@s da Escola Normal Rural 'Isidro Burgos' desprazáronse en autocarro até a cidade de Iguala, segundo relatou un dos supervivientes, para facer parte nunha "colecta" de fondos coa que organizaren unha manifestación o 2 de outubro. Un acto de homenaxe e conmemoración polo asasinato de centos de estudantes en 1968. Porén, a Fiscalía afirma que @s moz@s visaban "sabotear" unha intervención pública de María de los Ángeles Pineda após outros actos de protesta que se tiñan producido contra o goberno local co gallo do asasinato dos líderes da Unidade Popular o pasado ano.

Secuestro, tortura e asasinato d@s estudantes 

Sexa como for, @s 43 estudantes non puideron baixar do autocarro. Por volta das 18.00 horas foron retidos por axentes da policía de Iguala que, seguindo ordes do propio Abarca e alertados polo cartel, dispararon contra os autocarros asasinando e ferindo varios estudantes. "O compañeiro Aldo foi un dos primeiros en baixar, entón as patrullas sen dicir nada simplemente comezaron a rafaguear arriba, a todos os vidros", relatou Marcos nun vídeo difundido pola canle de noticias Telemundo

A policía disparou contra os autocarros nos que viaxaban @s estudantes por orde de Abarca, segundo a Fiscalía

A imaxe era dantesca. Sangue nos autocarros completamente rebentados polas balas, persoas abatidas e feridos aos que os seus compeñeiros creron mortos. "A 20 - 30 metros atopei o compañeiro Edgar Andrés Vargas que xa tiña o disparo na cara [...] corrimos e sentimos os disparos que aínda impactaban contra os autos". As persoas que permanecían vivas foron deslocadas nos carros da policía até a comisaría. O crime acababa de comezar. 

Segundo relatou o procurador xeral de Mexico, Murillo Karam, a policía entrega o grupo de persoas retidas a integrantes do cartel dos Guerreros Unidos. Os axentes aseguraron aos narcos que @s estudantes eran membros do grupo Los Rojos, inimigo dos Guerreros. A vida d@s alumn@s ficaba xa en mans do narco que @s trasladou ao lugar de Pueblo Viejo. 

Segundo as investigacións xudiciais, alí foron atopadas 9 fosas comúns nas que se rexistraron 30 cadáveres. Diversas testemuñas afirman que @s estudantes foron queimad@s estando aínda viv@s e ferid@s. Algúns dos cadáveres mostraban signos de extrema violencia e torturas, mesmo prácticas tradicionalmente empregadas polo cartel Guerreros Unidos contra os seus "inimigos". 

Na búsqueda das persoas desaparecidas atopáronse fosas con numerosos cadáveres anónimos mostra da impunidade coa que actúan goberno e cartel na localidade

Impunidade

Após as pesquisas xudiciais foi decretada unha orde de arresto contra o rexedor de Iguala, José Luís Abarca, e a súa compañeira Ángeles Pineda, que se atopan en paradoiro descoñecido desde o acontecido.

Entrementres, a tensión aumenta día a día no país por mor da "impunidade", denuncian, coa que actúan o cartel e gobernos corruptos como o de Iguala. Neste senso, durante a búsqueda d@s 43 estudantes desaparecid@s, voluntarios que participaron nos labores de búsqueda atoparon ducias de cadáveres anónimos nas inmediacións da cidade. Na maior parte dos casos --agás os axustes de contas-- son os corpos de moz@s, obreiros, campesiños e militantes de esquerdas que denunciaran os nexos de unión entre a política e a delincuencia vinculada ao tráfico de drogas que, semella, goberna moitos dos estados de Mexico. 

Comentarios