As crianzas, libres para ser "recadeiras"?

Illa rectifica a Montero e di que poderán "dar paseos". Dada a disparidade de declaracións no Executivo español fican no aire as condicións nas que poderán saír da casa as crianzas.
Foto principal
photo_camera Un adolescente, mirando pola fiestra (Foto: E.P.).

O Goberno de España respondeu na xornada de onte a unha das principais solicitudes que por parte da sociedade civil se lle viña demandando no marco do progresivo relaxamento das medidas de confinamento adoptadas para evitar a propagación da COVID-19: a autorización para que as crianzas poidan pisar a rúa.

Mais a decisión tomada polo Executivo desconcertou até ás máis ardentes partidarias do desconfinamento da rapazada, ao poñer de manifesto que só poidan saír as menores de 14 anos, sempre acompañadas por unha adulta, e unicamente para ir ao banco, ao quiosque, á panadaría, á farmacia e ao supermercado. 

Nin parques nin praias, nin deporte nin patinete... nada máis. "Non está aconsellado". Só movemento limitado en espazos fechados. Así o anunciou a ministra de Facenda e portavoz do Goberno, María Jesús Montero, que definiu as medidas aprobadas por Madrid como "un alivio parcial do confinamento".

Ademais, sinalou que o Ministerio de Sanidade e a dirección de Familia da Vicepresidencia de Dereitos Sociais e Axenda 2030 xa traballan na elaboración dunha guía -"que verá a luz nos vindeiros días"- cunha serie de instrucións para que os adultos coñezan o alcance de como pode realizarse esa saída á rúa coas menores.

A reacción da oposición non se fixo esperar, e Pablo Casado, líder do Partido Popular, afirmou que levar as crianzas "a estabelecementos concorridos" supón un "risco de contaxio", e pide a Pedro Sánchez que "rectifique" e lles permita dar "curtos paseos por zonas abertas".

Na mesma liña pronunciábase o seu compañeiro de partido, Alberto Núñez Feixoo, presidente da Xunta da Galiza, que se ben manifestaba estar "a favor" da liberdade dos infantes, opinaba que a fórmula escollida "non é a que ofrece máis garantías".

Coa mentalidade da Castellana, di o BNG

A de Feixoo non foi a única crítica con acento galego, pois o Bloque Nacionalista Galego (BNG) definiu coa palabra "despropósito" o feito de que o Goberno español pretenda permitir que as menores acompañen as persoas adultas "a lugares como supermercados, que son lugares de alto risco de contaxio".

Por iso, o deputado nacionalista en Madrid, Néstor Rego, rexistrou unha proposta de modificación á solicitude de prórroga do estado de alarma, demandando que "as menores de 14 anos poidan saír durante un máximo dunha hora diaria a espazos públicos, como prazas, parques ou lugares abertos, sempre acompañadas dunha persoa adulta e mantendo as distancias de precaución necesarias".

Rego considerou que a única forma de entender "propostas como a avanzada polo Goberno é coa mentalidade típica da Castellana e desde o descoñecemento de realidades como a da Galiza". "Tamén aquí se poden comprobar os efectos perversos do centralismo, de pretender decidir todo desde Madrid", engadiu.

Non menos duras mostráronse outras formacións de esquerdas como Más País, que esixiu unha "rectificación" ou ERC, que dixo que "deixar saír as nenas non consiste en permitirlles que acompañen os seus pais aos recados".

Dadas as críticas recibidas ao longo do día, a última hora de onte o ministro Salvador Illa rectificaba a Montero e sinalaba que "dar paseos" é "dar paseos" e que nos próximos días regularán as condicións dos mesmos.

Comentarios