Covid: Sanidade retomará a vacinación coa AstraZeneca o 24 deste mes

A ministra Carolina Darias fixo o anuncio após unha reunión extraordinaria do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS). Desta forma atenden ás recomendacións da OMS e a Axencia Europea do Medicamento invitando a manter a inoculación do fármaco malia a posíbel ligazón con algúns episodios de trombose.
A ministra Carolina Darias nunha rolda de prensa. (Foto: R. Rubio / Pool / Europa Press)
photo_camera A ministra Carolina Darias nunha rolda de prensa esta mesma semana. (Foto: R. Rubio / Pool / Europa Press)
En menos dunha semana o Estado español volverá a pór en circulación as doses da vacina de AstraZeneca que gardou hai uns días debido á investigación aberta para estudar se un bo número de episodios de tromboses en pacientes inoculadas en toda Europa tiñan relación co remedio. Así o anunciou esta quinta feira a ministra de Sanidade, Carolina Darias, que aclarou que a decisión foi acordada por todos os territorios nun encontro do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) convocado de forma extraordinaria.

Porén, as expertas e expertos en vacinas que aportan os seus coñecementos ao Goberno e a Comisión de Saúde Pública reuniranse durante esta ponte para examinar a posición do organismo regulador europeo e decidir se non se administra a vacina a algún colectivo concreto ante a aparición dos efectos secundarios.

Así, o Consello volverá ter unha cita na segunda feira para dar o visto e prace oficial ao reinicio da campaña de vacinación, pois a AstraZeneca é a que se estaba administrando a máis xente.

Darias aproveitou a comparecencia ante os medios para asegurar que tamén van consultar "con sociedades científicas e profesionais" o asunto dos grupos de poboación e as idades nas que poden aproveitarse as doses dispoñíbeis. 

A directora da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS), María Jesús Lamas, engadiu que se estabeleceu que a ficha do medicamento engada as posíbeis tromboses en menores de 55 anos e mulleres na lista de indicacións. Aliás farase unha advertencia ás equipas sanitarias.

Malia esta inclusión nos efectos adversos que poden decorrer, Sanidade vai seguir as indicacións da OMS e da Axencia Europea do Medicamento (EMA) sobre a necesidade de seguir vacinando porque son maiores os beneficios que os riscos.

De feito, a EMA destacou esta tarde que a AstraZeneca é “segura e eficaz”.

Comentarios