Covid: A OMS prioriza a vacina de Astrazeneca para as maiores de 65 anos

A recomendación vai en contra da estratexia anunciada onte polo Goberno do Estado español, que preveía reservar o fármaco para a poboación de entre 18 e 55 anos e distribuír os de Pfizer e Moderna entre a cidadanía cun rango de idade superior.
Caixa con varias doses da vacina de AstraZeneca. (Foto: GVA)
photo_camera Caixa con varias doses da vacina de AstraZeneca. (Foto: GVA)

O Grupo Consultivo Estratéxico de Expertas en Inmunización da Organización Mundial da Saúde (OMS) vén de recomendar que as administracións dos distintos países vacinen da Covid-19 á súa poboación de máis de 65 anos co fármaco creado por AstraZeneca e a Universidade de Oxford. Esta proposta contraponse ao decidido polo Goberno do Estado español, que onte anunciaba que esta marca sería limitada para persoas de 18 a 55 anos.

A comisión de Saúde Pública do Ministerio de Sanidade decidira, durante a pasada semana, deixar as vacinas de AstraZeneca para persoas na franxa de idade entre os 18 e os 55 anos, sendo as de Pzifer e Moderna as que se empregarían para inmunizar contra o virus á xente máis maior.

No entanto, a OMS non coincide nesa estratexia de España. No seu momento, estivo sobre a mesa esa posíbel limitación porque nos ensaios clínicos houbo pouca participación de 65 anos ou máis, se ben “poucos casos da Covid-19 tanto na vacina como no grupo de control” implican que “o intervalo de confianza na estimación da eficacia sexa moi amplo”.

Tendo en conta diversas variábeis estudadas, “a OMS recomenda o uso da vacina en persoas de 65 anos ou máis”. Así, o fármaco podería ser administrado a partir dos 18 anos pero sen ningún outro límite de idade.

Efectiva contra as distintas cepas

Ademais, o organismo entende que o produto é válido contra todas as variantes do coronavirus con independencia de que en Sudáfrica se paralizase a administración da marca. Deféndea tamén a pesar de que algúns estudos indican que hai unha “lixeira redución” da eficacia contra a cepa británica. 

“Mesmo se hai variantes nun país, non hai motivos para non empregar a vacina de AstraZeneca para poder reducir a enfermidade grave entre a poboación”, explicou o líder do grupo, Alejandro Cravioto. Con respecto ao parón en Sudáfrica, vincúlao a que o medicamento probouse en xente con síntomas leves do virus e non cos máis graves.

Por outra parte, o comité deu o visto e prace a que as embarazadas e mulleres en plena lactancia tamén reciban as doses correspondentes, sempre que os riscos non superen aos beneficios e que estean en grupos de risco.

Comentarios