PILAR FERNÁNDEZ, NOMINADA AOS INDYREF AWARDS

"As cousas en Escocia están mesmo máis interesantes agora"

Pilar Fernández foi nominada aos IndyRef Awards pola publicación Bella Calidonia na sección de mellor acto de solidariedade internacional pola campaña Solidarity with Scotland.

Pilar Fernández
photo_camera Pilar Fernández con Mike Small, director de Bella Caledonia [Imaxes cedidas]

A colaboradora de Sermos Galiza, Pilar Fernández, conversou con nós após coñecerse a súa nominación aos premios convocados pola publicación Bella Calidonia arredor do proceso independentista escocés. Fernández concorre ao galardón co presidente da Generalitat, Artur Mas, e co cantor Billy Bragg -unha nominación esta última que, di, era "predecíbel"- e amósase agradecida pola decisión de Bella Caledonia de a teren elixido entre as persoas finalistas.

A respeito do clima que actualmente vive Escocia, após o referendo de setembro, Pilar Fernández descríbenos un contexto político caracterizado polo "rebumbio" que xeran os comicios xerais do vindeiro 7 de maio. 

Como soubeches da túa nominación aos IndyRef Awards?
Comunicoumo Bella Caledonia por Twitter cando anunciaron as nominacións propostas pola propia publicación. Nomináronme ao mellor acto de solidariedade internacional pola campaña Solidarity with Scotland. Despois abriuse un período de propostas populares através da rede. Para min foi un agasallo de nadal e un fermoso recordo deste proceso aínda aberto. Para min a nominación xa é un premio que partillo con todas as persoas solidarias que fixeron parte ou colaboraron con Solidarity with Scotland. É un recoñecemento á irmandade que se xerou durante o proceso. 

Estás nominada con Billy Bragg e Artur Mas...
Si. O de Billy Bragg era predecíbel. Había un grupo de solidariedade formado por persoas inglesas e el tivo a valentía de publicar un artigo en The Guardian defendendo non só a independencia de Escocia senón tamén a importancia desta para Inglaterra. O de [Artur] Mas... [ri] sorprendeume. Eu tería nominado os compañeiros cataláns que viñeron con 600 a Escocia. Coido que había outras opcións, outras persoas, que para min eran máis merecedoras. 

Haberá gala de entrega de galardóns?
Bella Caledonia foi unha das webs de xornalismo alternativo que máis información recolleu sobre o proceso e de maneira plural. Neste senso organizaran Songs for Scotland. Supoño que agora farán un acto simbólico, tamén, para que continúe ese espírito creativo do movemento IndyRef. 

O obxectivo do SNP é conseguir o maior número posíbel de representantes como única fórmula para confrontar as políticas de austeridade e pular por un novo status para Escocia

Após o referendo, o 18 de setembro, o proceso baixou de intensidade?
A independencia continúa a ser un obxectivo. As cousas, na miña opinión, mesmo están máis interesantes agora. Moitas persoas que apoiaron o non confiando nas promesas federalistas dalgunhas forzas teñen a impresión de que foi unha tomadura de pelo vendo as propostas que fan agora a prol dun novo marco político para Escocia. Hai unha decepción enorme entre ese 10% do electorado que asegurou querer máis autogoberno embora votar 'Non'. Doutra banda, entre as persoas independentistas e, nomeadamente o Scottish National Party, teñen as eleccións xerais do 7 de maio no albo. O seu obxectivo é conseguir o maior número posíbel de representantes do SNP como única fórmula para confrontar as políticas de austeridade de Cameron e pular por un novo status para Escocia e mesmo pola independencia. A sensación que se percibe é a de ter comezado unha grande batalla. Aliás, en 2016 serán as eleccións ao Parlamento escocés. Aí fica por coñecer cal será a proposta do SNP, se haberá un novo referendo, ou unha declaración de independencia. Hai moito rebumbio, ao que se lle engade o anuncio de Cameron de convocar un referendo en 2016 sobre unha hipotética saída da UE. Isto non está calmo. Cada día hai unha información nova. 

Como se percibe o proceso catalán?
A nivel político obsérvase con interese, mais en Escocia non quixeron equiparar ambos os dous procesos nunca porque teñen trazos diferentes. Desde o primeiro momento Yes Scotland quixo subliñar a autenticidade do proceso escocés. O que si preguntan é 'que quer Catalunya?' pois o pobo escocés viviu durante este proceso un profundo debate sobre o que supuña a independencia en relación ás políticas recentralizadoras e de austeridade. Iso en Catalunya aínda ten que darse. O que si existe é empatía e solidariedade. 

Comentarios