Costa solicita ao presidente de Portugal a declaración do estado de emerxencia

O primeiro ministro do país pediu a medida "com uma natureza essencialmente preventiva".
costa-rebelo
photo_camera António Costas, á esquerda, e Marcelo Rebelo de Sousa, hoxe. (Foto: portugal.gov)

O primeiro ministro de Portugal, António Costa, pediu hoxe ao presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa, que declare un estado de emerxencia "com uma natureza essencialmente preventiva" para ter un soporte xurídico que lle permita tomar máis medidas para combater o coronavirus.

"Este é um momento crítico e a declaração do estado de emergência terá também esse efeito de reforçar a consciência cívica da emergência sanitária que estamos a enfrentar", sostivo Costa tras se reunir co presidente.

O encontro, solicitado polo primeiro ministro, serviu para expor as razóns polas que, segundo o Executivo, é necesario volver declarar o estado de urxencia, que estivo vixente entre o 19 de marzo e o 2 de maio e que agora tería un novo obxectivo: "eliminar dúvidas justificadas" a nivel xurídico.

A idea, explicou, non é tanto volver ás restricións severas da primavera, senón fixar con claridade un soporte legal que asista ao Goberno para avanzar con máis medidas, por exemplo exixir que se tome a temperatura á entrada de postos de traballo, ou reconfigurar os recursos do Estado.

Tamén mobilizar ás Forzas Armadas ou profesorado e profesionais para atender as necesidades da pandemia, agregou Costa, que evitou nomear outra medida que podería tomar cun estado de emerxencia: declarar o recolhemento domiciliario. "Decretar recolher obrigatório ao fim de semana parece-me uma grande violência e um excesso", dixo.

En caso de decretarse un novo estado de urxencia, apuntou, o Goberno propón que dure máis de 15 días e se aplique aos municipios en que entrará en vigor, mañá, o confinamento parcial anunciado o sábado por Costa, que afectará ao 70% da poboación do país, incluídas as cidades de Lisboa e do Porto.

Ao longo do día, o presidente portugués consultou con todos os partidos con representación parlamentaria a petición do primeiro ministro.

Rebelo de Sousa foi taxativo nos últimos días ao afirmar que o regreso do estado de urxencia deberá contar co maior consenso posíbel, e que só avanzará si considera que hai acordo maioritario da Cámara. O líder do PSD xa fixo saber que dará apoio á petición, polo que a aprobación do decreto ficaría garantida cos votos das bancadas do PS e do PSD.

Mobilidade restrinxida

Desde a pasada quinta feira até as seis da mañá de hoxe, a circulación fóra do municipio de residencia estaba prohibida. Esta restrición afectou tamén ás persoas que cruzaron a Portugal desde a beira norte do Miño, co risco a seren interpelados pola Guarda Nacional Republicana.

Comentarios