Cospedal, imputada na 'Kitchen' e Rato, a xuízo por fraude

As causas instruídas en xulgados pola corrupción do PP continúan a sumar novas imputacións. Esta cuarta feira coñeceuse que a ex secretaria xeral Dolores de Cospedal e o seu marido foran imputados pola "operación Kitchen". Ademais, o ex ministro Rato foi acusado por un patrimonio sen declarar de case 16 millóns de euros.
María Dolores de Cospedal e o seu marido, Ignacio López del Hierro, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera María Dolores de Cospedal e o seu marido, Ignacio López del Hierro, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

María Dolores de Cospedal, ex secretaria xeral do Partido Popular (PP) e ex presidenta de Castela-A Mancha, foi imputada esta cuarta feira por suborno, malversación e tráfico de influencias xunto ao seu marido, o empresario Ignacio López del Hierro, na causa da "operación Kitchen", que investiga unha estrutura parapolicial creada no Ministerio de Interior en 2013 -durante o Goberno de Mariano Raxoi (PP)- para espiar o ex tesoureiro do PP Luis Bárcenas e destruír probas que incriminasen a forza estatal.

Ademais, o xuíz da Audiencia Nacional Manuel García-Castellón chamou a declarar polos mesmo cargos a José Luis Ortiz, ex xefe de gabinete de Cospedal.

Na causa mantéñense investigados Jorge Fernández Díaz, ex ministro do Interior; Eugenio Pino, o ex director adxunto da Policía; Francisco Martínez, ex secretario de Estado de Seguridade; e o ex comisario José Manuel Villarejo.

Tanto Martínez como Villarejo foron reclamados para declarar novamente perante o titular do Xulgado de Instrución número 6 da Audiencia Nacional.

Rato, a xuízo

Rodrigo Rato, ex ministro de Economía co PP, ex director xerente do Fondo Monetario Internacional e ex presidente de Bankia, será xulgado por delitos contra Facenda Pública, branqueo de capitais e corrupción nos negocios, tras a decisión de abrir xuízo oral tomada onte polo titular do Xulgado de Instrución número 31 de Madrid, Antonio Serrano-Arnal.

Segundo o xuíz, o ex ministro creou unha trama empresarial para repatriar cartos no exterior e ocultarllos á Facenda española, facendo contratos de publicidade nos que se beneficiaban empresas propias. Por isto investigan, ademais de Rato, trece persoas máis, un bufete de avogados e dúas empresas de publicidade.

Os incrementos entre 2005 e 2015 no patrimonio de Rato non xustificados descubertos na investigación xudicial foron de 15,6 millóns, polo que durante eses anos defraudou 8,5 millóns.

Comentarios