O paro será significativo no ensino e no comercio

Os cortes de estradas marcan as primeiras horas da folga xeral en Catalunya

Convocan os sindicatos soberanistas Intersindical CSC e l'USTEC. A greve está a se notar no corte de estradas e auto-estradas e na intervención dos Mossos d'Esquadra para os contra-rrestar.

NacioDigital
photo_camera Mossos sufocando neumáticos queimados

Esta é a terceira folga xeral que ten como orixe a protesta pola represión estatal contra o movimento da sociedade catalá a prol da súa autodeterminación. Os fitos mobilizadores anteriores tiveron lugar o 3 de outubro —unha vaga general con grande seguimento após as cargas policiais do 1-O— e 8 de novembro de 2017 —neste caso con menor adhesión.

Nas primeiras horas da greve tiveron protagonismo os piquetes sindicais, mais tamén os CDR, os Comitès de Defensa de la República, especializados nos cortes das principiais arterias de comunicación do Principat.

Os cortes foron acompañados en algúns puntos pola queima de neumáticos. Tamén houbo interrupcións nos servizos de Ferrocarrils de Catalunya e ocupacións dalgunhas das vías de maior tránsito de Barcelona, como a Avenida Meridiana, a Diagonal e a Gran Vía.

A greve irá acompañada de concentracións en vilas e cidades. As 12 está convocada unha mobilización na Praza Universitat, no corazón de Barcelona, e hai axendada unha marcha para a tarde, por volta das 18 horas, tamén polo centro da capital catalá.

O previsíbel é que a greve teña impacto no ensino, sector onde o soberanismo ten forza, e no comercio, non así na industria, sendo que as centrais maioritarias nela, UGT e CC OO, non chaman á folga.

Comentarios