Cortan a autovía en Idomeni contra o despexo das persoas refuxiadas

Persoal voluntario entre o que se atopa unha galega protestan entre un forte dispositivo policial. 

UNDKRefugees
photo_camera [Imaxe @UNDKRefugees]

Na terza feira (24 de maio) as autoridades gregas iniciaron o despexo das persoas refuxiadas que se atopaban acampadas en Idomeni. Nas primeiras 24 horas e segundo os dados fornecidos polo goberno heleno, foron retiradas en 42 autobuses 2.031 persoas após seren expulsas as voluntarias e ONGs que se atopaban sobre o terreo, agás ACNUR e Médicos Sen Fronteiras (MSF). 

María Vence, voluntaria galega desprazada en Idomeni, explicaba en conversa con Sermos Galiza como foron expulsadas do campo as persoas voluntarias e xornalistas, de madrugada. 

Voluntariado e organizacións non gobernamentais alertan da falta de información e de garantías no proceso de despexo

O executivo grego conta rematar o proceso de eliminación deste campo improvisado localizado na fronteira con Macedonia nos vindeiros días. Porén, voluntariado e organizacións non gobernamentais alertan da falta de información e de garantías no proceso. Neste senso, mesmo foi negado aos medios de comunicación internacionais a posibilidade de acceder ao campamento após a entrada de 700 axentes policiais e soldados. Unicamente a televisión pública grega (ERT) e a axencia AMNA puideron informar dos acontecementos. Segundo recollen xornalistas como o correspondente de TeleSur, @Hibai_ a policía grega atribúe a "presións da UE" o apagón informativo

Oficialmente as persoas refuxiadas están a ser reubicadas en campos militarizados situados nos arredores de Tessalónica. Neste senso, xornalistas deslocados en Idomeni aseguran que algunhas persoas refuxiadas están a abandonar polo seu propio pé Idomeni porque rexeitan ir aos campos xeridos polo exército grego. "Danme igual os campos novos, non fuximos de Siria para vivir nun campo", explicaba Juhina á imprensa situada a poucos metros de Idomeni á súa saída. 

 

Comentarios