Correa acusa de 'cabalo de Troia' o seu sucesor na presidencia do Ecuador

A través dun "enlace dixital" emitido nas redes sociais criticou a Lenín Moreno pola súa deslealdade ao traizoar a "revolución cidadá" iniciada en 2007.

rafael-correa3
photo_camera Rafael Correa nunha imaxe de arquivo.[Foto: Telesur]

A confrontación entre o ex presidente de Ecuador, Rafael Correa, e o seu sucesor, Lenín Moreno, continúa a agravarse. Correa volveu criticar con dureza o desempeño do novo presidente por desleal e por ter traizoado a "revolución cidadá" iniciada, precisamente, coa chegada de Correa á presidencia na altura do ano 2007. O exmandatario chegou a cualificar a Moreno de "cabalo de Troia" e chamou as súas bases a se revolveren para reiniciar a "revolución cidadá", en suspenso --segundo Correa-- desde a toma de posesión do novo presidente, o pasado 24 de maio.

Correa volveu criticar con dureza o desempeño do novo presidente por desleal e por ter traizoado a "revolución cidadá"

Nunha emisión ao vivo na rede social Facebook, de cincuenta e sete minutos de duración, que xa recibiu por volta de case 2 millóns de  reproducións, o exmandatario quixo dar resposta desde Bélxica --onde vive desde hai unhas semanas por motivos familiares-- ás graves acusacións e descualificacións das que ten sido obxecto a súa acción de goberno.


Falsidades

Correa acusou o actual mandatario de falsear deliberadamente a situación da débeda pública do país para xustificar un "paquetazo" de reformas regresivas que permitan financiar algunhas das "promesas demagóxicas" realizadas por Moreno durante a campaña. Citou por exemplo o anuncio de construción de 300 mil novas vivendas para a súa entrega gratuíta, medida que non ten neste momento partida nos orzamenos estatais. Correa, fixo valer a súa condición de experto economista para desmontar os cálculos "inflados" utilizados por Moreno para cualificar de irresponsábel a xestión do seu antecesor, a quen serviu como vicepresidente durante seis anos. Segundo os datos do exmandatario a débeda pública só tería aumentado un 1% durante os seus dous mandatos e continúa a ser unhas das máis baixas de todo o mundo, a pesar do importante investimento en infraestruturas e servizos.

Correa acusou o actual mandatario de falsear deliberadamente a situación da débeda pública do país para xustificar un "paquetazo" de reformas regresivas 


O expresidente advertiu o pobo ecuatoriano da existencia dun plan para destituir o actual vicepresidente, Jorge Glas, leal a Correa e a quen Moreno retirou todas as súas competencias hai poucos días despois de que Glas criticase a súa ruptura co realizado na última década e cos principios de Alianza País.  Correa volveu denunciar a campaña "sucia" emprendida pola dereita e os medios de comunicación "corruptos" para envolver o seu goberno e o actual vicepresidente en casos de corrupción.

Cabalo de Troia

"Non nos puideron vencer nas urnas, quérennos vencer co cabalo de Troia" dixo Correa no treito final, nunha clara alusión a Moreno para deseguido enviar unha mensaxe dirixida á súa base social. "Non se desanimar, non perdan a esperanza. Son tempos difíciles, pero debemos estar presentes. A única saída para sair disto é vencer novamente. Forza queridos compatriotas e até a vitoria sempre".

O expresidente advertiu o pobo ecuatoriano da existencia dun plan para destituir o actual vicepresidente, Jorge Glas, leal a Correa e a quen Moreno retirou todas as súas competencias hai poucos días


Correa anunciou a súa intención de realizar novas emisións ao vivo, nun formato que baptizou como "enlace dixital", como continuación das comparecencias semanais que como presidente fixo nos chamados "enlaces cidadáns", que Moreno decidiu suspender.

Comentarios