venres 25/09/20

O coronavirus provoca un andazo de medo

Os casos da COVID-19 esténdense fóra da China, desatando a "histeria colectiva" en países como Italia.
A OMS tiña previsto enviar un equipo científico nesta segunda feira a Italia (Europa Press)
A OMS tiña previsto enviar un equipo científico nesta segunda feira a Italia (Europa Press)

O aumento exponencial durante os últimos días no número de casos da COVID-19 fóra da China está a provocar un incremento parello da preocupación entre a poboación e as autoridades, que temen unha pandemia. A Organización Mundial da Saúde (OMS), non obstante, aclarou onte que xa non usa o termo "pandemia" despois das críticas sufridas en 2009, cando cualificou deste modo o brote de gripe porcina N1H1, que finalmente acabou por ter unha afección menor.

Daquela, as empresas farmacéuticas Roche e Glaxo conseguiran beneficios millonarios despois de que a OMS recomendase aos Gobernos o almacenamento de grandes cantidades de Tamiflu e Relenza. En 2010, a British Medical Journal, unha das revistas médicas de maior prestixio, publicou un estudo onde acusaba a OMS de ocultar os vínculos financeiros entre os seus expertos e estas farmacéuticas fabricantes dos dous antivirais.

Unha década despois, a OMS está actuar con maior cautela, e malia non falar de pandemia si advertiu de que a COVID-19 se mantén como "emerxencia internacional" e é probábel que siga a estenderse, segundo asegurou onte un portavoz da organización.

A OMS declarou esta emerxencia internacional ─o termo oficial é "Emerxencia para a Saúde Pública de Interese Internacional" (PHEIC, nas siglas en inglés)─ o 30 de xaneiro. O obxectivo foi e é, sinalan, que os países con sistemas sanitarios máis débiles ─nomeadamente, os do continente africano─ se manteñan en alerta e traballen con anticipación.

"Psicose"

Verónica Barberis, deseñadora italiana residente en Milán, capital da Lombardía, considera que a situación é de "psicose". En conversa con este diario, explica que malia os expertos coincidiren en sinalar que non hai perigo, que "é unha simple influenza", a xente entrou en estado de "pánico".

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

comentarios