Coronavirus: O Goberno español fecha as fronteiras terrestres do Estado

O ministro do Interior, Grande Marlaska, di que se trata de “protexer a saúde” dos cidadáns. A decisión implica a volta dos controis fronteirizos entre Galiza e Portugal. Lisboa aplicou a mesma medida esta segunda feira.

 

Fronteira

O Estado español restablecerá a partir das 00:00 horas os controis terrestres fronteirizos e impedirá a entrada no seu territorio de todo aquel que non sexa cidadán español, residente no Estado, traballador transfronteirizo, ou ben aqueles que acrediten causas de forza maior.

Anunciouno o ministro do Interior Grande Marlaska, que dixo que a medida fora consensuada co resto de estados da UE, e aclarou que non afecta ás mercancías, que poderán circular libremente.

“É pola sanidade e saúde da cidadanía”, xustificou Marlaska esta medida, apenas 24 horas despois de que o Goberno de que fai parte insistise nunha comparecencia pública que o coronavirus “non entende de territorios”. “Hai que conter a expansión do coronavirus”, insistiu, e pediu aos españois que “actúen con compromiso”.

A preguntas dos xornalistas, non desbotou que nos vindeiros días tamén se restablezan controis a nivel marítimo e aéreo, fechando o Estado español. 

Lisboa e Madrid

A decisión de Madrid, unida á adoptada por Lisboa no mesmo sentido e que se aplica desde esta segunda feira, supón o retorno dos controis policiais e alfandegarios para transitar entre Galiza e norte de Portugal.

Comentarios