O coronavirus dispara o españolismo

Unha enquisa do Real Instituto Elcano sinala que o sentimento español aumentou de maneira considerábel entre a cidadanía do Estado desde o comezo da pandemia.
Traslado do Cristo da Boa Morte, por parte da Lexión, en Málaga (Imaxe: Álex Zea / Europa Press)
photo_camera Traslado do Cristo da Boa Morte, por parte da Lexión, en Málaga (Imaxe: Álex Zea / Europa Press)

As consecuencias políticas da xestión da crise do coronavirus déixanse notar. Unha enquisa realizada polo Real Instituto Elcano sinala que o sentimento español aumentou de maneira considerábel entre a cidadanía do Estado desde o comezo da pandemia.

A propia entidade promotora da investigación considera significativo "o aumento da valoración das españolas do propio país, España, que sobe un punto e medio. Esta suba está por riba da media de valoración dos demais países".

O Real Instituto Elcano é un dos think tank máis importantes do Estado. Fundado en 2001 baixo o impulso gobernamental, apadriñado pola Casa Real, presidido polo sociólogo Emilio Lamo de Espinosa, conta no seu padroado cos ex presidentes Felipe González, José María Aznar e José Luis Rodríguez Zapatero; o presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán; o presidente de Inditex, Pablo Isla, ou os presidentes do BBVA e CaixaBank, Carlos Torres e Jordi Gual.

"A crise do coronavirus provocou un notábel aumento da autoestima dos españois. Este cambio apréciase tanto na valoración que fan do país, como do aumento substancial do orgullo de ser españolas", sinala o estudo do Real Instituto Elcano, que destaca como o fenómeno "non se produce noutros países da UE no mesmo volume".

As conclusións deste informe son resultado dunha sondaxe realizada a 1.000 persoas no conxunto do Estado entre o 2 e o 19 de marzo pola empresa Ramdom Strategy, o instituto sociolóxico que adoita traballar para o think tank.

"Esta recuperación da autoestima das españolas é máis visíbel na resposta a esta pregunta: Como de orgulloso se sente vostede de ser español?" Só 5% contesta que non se sente español. E a porcentaxe das que se senten "moi orgullosas" pasa de 41% a finais de 2018 a 56% agora", significa a sondaxe.

Atendendo aos datos de Elcano, o avance do sentimento españolista percíbese en todos os segmentos ideolóxicos, cunha alza moi importante entre aquel sector da poboación que se declara de esquerdas.

A importancia deste dato non pasa desapercibido para os autores do estudo. Así, recóllese que "esta recuperación do orgullo apréciase en todos os sectores ideolóxicos: segue sendo máis forte na dereita, pero tamén aumenta na esquerda". Neste sentido destaca que mentres en 2018 só o 55% das persoas de esquerdas se declaraban moi ou bastante orgullosas de ser españolas, esta cifra subía en 2020 ao 68% da poboación.

Pola súa banda, o 80% de cidadáns de dereitas afirman actualmente sentirse moi orgullosos da súa condición española, cando en 2018 non chegaba a 45%.

A tendencia definida por esta sondaxe coincide con algúns estudos filtrados nas últimas semanas. Se ben o sentimento españolista é máis acusado nesta enquisa que noutros traballos semellantes do mesmo período, a xestión da crise ten contribuído a xerar esta opinión, de maneira moi particular naquelas áreas de cultura española, onde o vector nacional xa se mostrou decisivo nos diferentes procesos electorais decorridos nos últimos tempos.

O estudo do Real Instituto Elcano tamén sinala unha mudanza na preferencia dos socios e socias internacionais por parte dos españois. Así, Alemaña deixa de ser a aliada preferente no ámbito europeo, en detrimento de Francia, sen lugar a dúbida como consecuencia dos debates no marco da Unión Europea.

Pola súa banda, a China aparece como socia referencial fora da zona euro, só superada polos Estados Unidos.

Comentarios