Internacional

O coronavirus destrúe un récord de 6,65 millóns de empregos nos EUA nunha semana

As peticións semanais de subsidio por desemprego rexistraron a semana pasada o maior incremento nos Estados Unidos de América da súa historia. 
Supermercado nos EUA (Polaris/EP).
photo_camera Supermercado nos EUA (Polaris/EP).

As peticións semanais de subsidio por desemprego rexistraron a semana pasada o maior incremento de toda a serie histórica nos Estados Unidos de América, cun aumento de máis de tres millóns de solicitudes respecto da cifra contabilizada nos sete días anteriores, até alcanzar un récord de 6,65 millóns de demandantes de axuda, segundo os datos do Departamento de Traballo dos EUA. 

O anterior récord nas solicitudes semanais de subsidio por desemprego rexistrouse xusto a semana anterior, cando se presentaron 3,3 millóns de peticións.

Todos os Estados informaron dun aumento das peticións de subsidio por desemprego na última semana, con  California á cabeza, con 878.727 solicitudes, por diante de Pensilvania (405.880) e Nova Iorque (366.403).

"A Covid-19 segue afectando o número de peticións. Os Estados seguiron identificando incrementos relacionados de forma xeneralizada co sector servizos, liderados pola hostalería e os servizos de comidas", explicou o Departamento de Traballo.

Así mesmo, a información proporcionada a nivel estatal reflicte que tamén se viron especialmente afectados o sector manufactureiro, sanitario e de asistencia social, ademais do comercio minorista, ao por maior e a construción.

Doutra banda, o número de parados receptores do subsidio de desemprego na semana que finalizou o pasado 21 de marzo experimentou un grande incremento, até situarse nos 3,029 millóns de beneficiarios. Esta cifra é a máis elevada rexistrada polo Departamento de Traballo desde xullo de 2013 e representa un incremento semanal de 1.245 millóns de persoas.

27.000 empregos menos no sector privado

Na pasada cuarta feira, a consultora ADP e a axencia Moody's informaron de que o sector privado nos EUA destruíu 27.000 empregos no mes de marzo, aínda que os seus datos non son completos porque as súas enquisas realizáronse até o 12 de marzo, antes de que despuntase a expansión do coronavirus e se tomasen as medidas máis agresivas para tratar de paralo, como o confinamento ou o peche de comercios.

A fotografía do mercado laboral estadounidense completarase esta sexta feira, cando o Departamento de Traballo informe da taxa de desemprego, aínda que as súas cifras tampouco serán completas porque tamén terminan de recompilar datos cara a mediados de mes.

No mes de febreiro, últimos datos dispoñíbeis, a taxa de paro baixou un décima respecto ao mes anterior, polo que volveu situarse no 3,5%, o seu menor nivel desde decembro de 1969; após crear 273.000 novos empregos non agrícolas, o que permitiu reducir o número de parados a 5,78 millóns, incluíndo aos 1,1 millóns de desempregados de longa duración.

Comentarios